A Teoloxía da Liberación rescatada

O Papa Francisco, a xeito de casual agasallo para conmemorar os oitocentos anos da peregrinación do santo de Asís a Compostela, ven de outorgar perdón papal a Miguel D`Escoto, o que fora ministro de Asuntos Exteriores de Nicaragua durante o Goberno sandinista. Esta decisión, sumada á doutros xestos precedentes, é considerada como un achegamento da Igrexa institucional ao movemento dos teólogos e teólogas da liberación moi perseguidos polos anteriores papas. Bergoglio, que tomou o nome do fundador da orde franciscana, OFM, pola súa simboloxía co desprendemento e renuncia ás propiedades materiais e o vivir na máis estrita pobreza, estaría identificado coa base desta liña de compromiso pastoral desde a súa experiencia arxentina. Así, en tanto que a corrente maioritaria dentro da Teoría da Liberación acentuaba máis o factor de clase social e a realidade económica como elemento a denunciar, o sector bonaerense no que se debe incluír ao actual pontífice, recoñecía unha importancia especial ao concepto de pobo, considerado desde o punto de vista cultural. Matices. A crise que vive o mundo actual, recupera aos teólogos da liberación e a súa postura en contra do capitalismo sen restricións e a favor de dar prioridade á xente que vive na pobreza, mesmo diante das eclesiásticas. Esta teoloxía está máis viva e xustificada que nunca. Por mais que as situacións que a motivaron, como a interferencia dos Estados Unidos nos gobernos latinoamericanos ou a influenza das teses marxistas entre os clérigos dun pobo oprimido durante séculos, fiquen atrás. A súa posición ideolóxica semella ter madurado ao compás dun mundo cunha fenda, cada vez máis grande, entre ricos e pobres. As teses da liberación, opostas ao modelo de economía neo liberal, teñen na cabeza da Santa Sé un claro aval, coa posición de condena ao “capitalismo sen restricións” como “una nova tiranía” motivada polo “ideal egoísta”. Leonardo Boff, sacerdote franciscano icona da rebeldía dos teólogos da liberación, expresa que este movemento, cunha traxectoria de cincuenta anos, síntese identificado e rescatado nos discursos e xestos de Bergoglio: “Francisco é máis que un nome. É un novo proxecto de Igrexa simple, pobre, aberta a todos e un proxecto de humanidade que busca complicidade na diversidade, no coidado pola Nai Terra e na paz, tan violentada en tantas partes do mundo”. Aire fresco e boa nova que ven polo camiño a Santiago anunciando tempos de militancia social cristiana.

 

A Teoloxía da Liberación rescatada

Te puede interesar