Terra queimada

Terra queimada é unha expresión que vai asociada ao argot militar da operación destrutiva nas guerras; porén, como táctica, é aspecto relacionado cos xeitos de operar no mundo económico, da política e de calquera outro tipo de estratexia que teña como suxeitos aos individuos desta especie humana que ameaza a súa propia supervivencia nun futuro próximo xa. Coa vista ollando de cara o desolador panorama que para o medio natural vén de ser causado por este último gran incendio que abrasou as terras arboradas de Rianxo e Dodro, moito máis de mil hectáreas de superficie coidada con paixón polos comuneiros e persoas particulares, condensar nunha metáfora o resultado da política forestal é falar de terra queimada. 

Mesmo limitando só a consideración de grandes incendios aos que superan as cincocentas hectáreas, criterio do Ministerio de Interior, a memoria do país aínda garda fresca a lembranza da toponimia que marca desfeita e traxedias ben recentes, caso de Chandebrito con dúas vítimas mortais. Porén, a xeografía galega está ateigada de lugares que marcan un inmenso catálogo de vagas incendiarias que, queima a queima, totalizan cifras anuais superiores ás cincuenta mil en moitos dos anos recentes, nalgún caso concentradas nun escaso período de tempo como sucedeu en outubro do pasado 2017, co efecto catastrófico que mesmo levou á declaración de zona catastrófica para espazos que chegaron a superar, só no Concello de As Neves, máis de cinco mil hectáreas.

Asumindo que o lume é parte intrínseca á dinámica vexetal do bosque, diferentes factores fan saltar todas as alarmas a respecto do seu potencial destrutivo, para o medio natural e tamén para a vida e facenda das persoas ás que lle causan medou, temor ou preocupación que non pode evitarse fronte a un efecto destrutor incontrolábel. Á man delituosa que prende lume co ánimo de facer dano, súmase o interese mercantil da industria da madeira e, moito máis grave aínda pola permisividade institucional e aínda apoio explícito, o grande grupo de presión do negocio da pasta de papel coa consecuencia da extensión imparábel das especies propagadoras do lume, árbores invasoras que representan gozar do fervor da autoridade forestal e dos empresarios. 

Velaí, cun clima que muda a peor facendo que os incendios non sexan exclusivos do verán, efectivos de extinción insuficientes e medios raquíticos, toca un cambio drástico no paradigma da política galega para o bosque. Evitar a terra queimada.

Terra queimada

Te puede interesar