O tesouro antropolóxico de Bonaval

En Compostela, cerna da espiritualidade cívica do galeguismo, o vello convento de Bonaval viste de festa para celebrar con todo mérito a efeméride de contar, dende fai corenta anos, cun tesouro de valor incalculábel, na súa natureza material ou inmaterial, prestado á memoria colectiva dunha comunidade territorial con personalidade de seu. É o Museo do Pobo Galego, entidade antropolóxica froito dun voluntariado cultural que resiste malia escasa atención das autoridades políticas. Unha institución que abría a súa porta ao público visitante o 29 de outubro de 1977, cunha filosofía de xestión e servizo á cidadanía que segue vixente hoxe en día, mantendo intacto o seu modelo independente de preservación da cultura e da identidade galega. 
Nesa data, histórica xa, prendía o xermolo dunha iniciativa labrada dende o 31 de xullo de 1976 polos vellos mozos herdeiros da tradición do Seminario de Estudos Galegos, e do seu proxecto de museo que non chegou a ver luz pola represión; e tamén, coa participación da mocidade nacionalista dos tempos da resistencia ao franquismo, por medio da Asociación Padroado do Museo do Pobo Galego, que fixou como obxectivos “investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente, crear e manter un museo ao servizo destes obxectivos”. A cesión do cenobio consagrado á advocación de San Domingos, titularidade do Concello de Santiago, en virtude da desamortización de 1835, facilitou o logro.
O embrión da primeira sala fora unha cita patrocinada por Luciano García Alén e outras persoas que organizaran, no Pazo de Bendaña, sé do Círculo Mercantil e Industrial de Santiago de Compostela, a chamada exposición do Primeiro Concurso Rexional de Oleiros. Neste marco, un ano antes de inaugurar operativamente o MPG, conflúen os astros que permiten o posterior milagre de país: Os promotores comprometidos e a liña de traballo a seguir na misión cultural. 
Moito choveu dende entón, e coa lentitude das cousas feitas con raíz sólida foi medrando esta árbore científica. Unha obra que viu aumentar o número de salas, os ámbitos do campo da pescuda histórica e antropolóxica, as doazóns de particulares que agrandaron os valiosos fundos e toda unha manchea de servizos: A biblioteca documental, o arquivo gráfico, o departamento de educación e acción cultural, ás múltiples publicacións, exposicións temporais ou permanentes, congresos e seminarios; e por sobranceiro, o Instituto de Estudos das Identidades comparadas.
Chegados ata aquí, toca petar na porta da responsabilidade institucional para abordar a remuda dos acordos de colaboración que lle aseguren a dotación de fondos para aumentar en recursos humanos e materiais, camiño para facer del o Museo Nacional Galego. Meréceo. 
 

O tesouro antropolóxico de Bonaval

Te puede interesar