Todo, agás silencio

Todo, agás silencio é metáfora da grandeza literaria e cultural que representa Carvalho Calero; e, tamén, nunha teimosa porfía, do trato que recibiu das institucións académicas e políticas, incómodas pola súa simboloxía de absoluta firmeza persoal na defensa intelectual a prol dunha achega do idioma galego á súa traxectoria lingüística que historicamente relacionou á lingua galega coa súa irmá de nacemento, a portuguesa actual, ata facer da mudanza do seu apelido unha declaración de militancia expresa nesa causa que, magoa diso, levaríao a portar unha cruz de incomprensión vingativa na, por varias veces, negación da RAG, entidade da que formou parte activa como membro numerario perante máis de trinta anos, finalmente rota pola presión externa que ten como resultado a conmemoración do Día das Letras Galega, a el dedicada neste edición.

É así polo que comezan a sucederse, en toda da basta xeografía arreo do país, diversos actos na lembranza e na “memoria dun dos intelectuais máis sobranceiro da Galiza contemporánea, crónica viva do galeguismo dende os anos do Seminario de Estudos Galegos, ao que se incorporou sendo moi novo, ata a súa xubilación da cátedra universitaria en 1980 e o seu falecemento” dez anos máis tarde, espazo biográfico no que, en palabras do actual presidente da RAG, desenvolveu a súa labor de “profesor, crítico literario, estudoso da literatura, lingüista, ensaísta, activo publicista, narrador, dramaturgo, poeta” e columnista cunha extensa obra na que sobresaen algúns títulos especialmente significados, como a Historia da Literatura Galega Contemporánea, “esforzo xigantesco realizado en condicións certamente adversas, que se publicou por primeira ven en 1963, e que serviu de manual de referencia para as xeracións que a partir daquel ano comezaron a formarse no coñecemento da nosa literatura”.  Abofé, foi todo iso.

Porén, non deixemos engaiolarnos pola la luz dun foco exclusivamente orientado a loa da súa creatividade literaria, mesmo que coa boca pequena poda proclamarse comprensión para súa tese etimolóxica a favor do movemento reintegracionista da lingua. É necesario, a súa vez, que ollemos para a súa traxectoria como persoa que asumiu consecuentemente a fidelidade ao compromiso adquirido coa súa afiliación e activismo no Partido Galeguista e cos valores republicanos polos que loitou como miliciano no batallón dos sindicalistas da ensinanza pública, coa consecuencia de ser feito prisioneiro, xulgado por un consello de guerra que o condenou a doce anos de cárcere e marcou para el un viacrucis de atrancos no exercicio da docencia. 

Por iso, entre os actos que van marcando a súa lembranza, xunto a exposición que abre a programación do Ano Carvalho no seu Ferrol natal, cobra unha inmensa forza emotiva a mostra realizada polo colectivo que ten a súa razón de ser no recordo dos quince anos que este insigne galeguista pasou no Colexio Fingoi. Tempo de dignidade, coherencia pedagóxica e forxa cultural.

Todo, agás silencio

Te puede interesar