Turismo, festa e legado patrimonial

entos de denuncias pola irresponsábel mobilidade turística con perigo de conservación para illa do Guidoiro Areoso que pon en risco de conservación futura o seu dolmen megalítico e outros achados de máxima importancia arqueolóxica. Non é caso único que saltase aos medios de comunicación nos últimos días; esta sería “pecata minuta” se ollamos para imaxe que produce arrepío, até nas persoas de baixa sensibilidade a respecto do necesario coidado do patrimonio público, ao ver a utilización dos restos arqueolóxicos do Castro de Santa Trega invadido por xente que cegada pola dinámica festeira non dubidaron en ocupalos coas súas mesas, cadeiras e mesmo cuberta de parasol para comer, beber e gozar sen reparo dos manxares levados para a chamada Festa do Monte, un ano máis e fican atrás moitos máis de neglixencia das autoridades chamadas a evitar esta situacións de máximo deterioro dun Ben de Interese Cultural que, por lei, precisa de medidas de protección. Tomado pola beira retranqueira, a modo de chío en rede, é o mellor xeito de tolear aos arqueólogos do futuro á hora de diferenciar un oso do churrasco de porco do que puidera ser o resto dun habitante primitivo da civilización castrexa. Si, abofé. 
Nas imaxes que mostra o sitio web da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural pode verificarse todo o antedito, incluído o feito de contar cunha simple cinta da policía local rodeando o perímetro do castro á que, como resulta evidente, non se fixo caso algún. Porén, chove sobre mollado. Lembremos un caso recente, comentado nos medios de prensa, que informaba da colocación dunha orquestra contratada para a verbena popular que non dubidou en colocar o seu palco sobre un dos cruceiros máis antigos do país. Cruceiros que son obxecto de nula protección, en pola contra potenciais vítimas de deterioro ou destrución nas carreiras de coches que desenvolven o seu percorrido polas estradas do rural galego. E moitos casos máis. Mágoa diso.
Patrimonio, na súa acepción económica e xurídica, é o conxunto de bens, valores e créditos que unha persoa ou institución posúe, moitas veces recibidos por legado dos seus ascendentes. Se falamos de patrimonio cultural, daquela referímonos ao conxunto de testemuños que forman a herdanza cultural dunha comunidade, con recoñecemento oficial de tal condición; e dicir, os costumes, as tradicións, a paisaxe, a arte; e, de xeito moi especial, a súa lingua diferenciada. Con isto, vén incluído loxicamente o patrimonio de bens arqueolóxicos, históricos, artísticos, os de carácter natural e, tamén, os achados científicos. Somos usufrutuarios de bens que, na realidade, son propiedade colectiva dos que gozamos coa obriga de deixalos íntegros á descendencia futura.
Utilización racional e protectora de espazos naturais e de valor patrimonial material ou etnográfico, para lecer cidadá, que deben legarse en boas condicións ás xentes do futuro e para iso está a Lei de Patrimonio Cultural e a Lei de Espectáculos Públicos. Fiscalícese o seu cumprimento.

Turismo, festa e legado patrimonial

Te puede interesar