As vacas da Lagarde

Un relato bíblico narra, a xeito de metáfora, o resultado dun pesadelo padecido por un faraón exipcio que soñou “ver como do Río Nilo saían sete vacas de fermoso aspecto e gordas de carne que pacían na herba; pero velaquí que outras sete vacas viñan detrás delas, de mal aspecto e fracas de carne; estas últimas puxéronse xunto ás primeiras ás que remataron por devorar”. Sobresaltado, o faraón espertou de súpeto. Este proceso onírico, construído con forma de parábola, técnica literaria que precedeu a moderna pedagoxía, é un precursor da clásica teoría dos ciclos económicos. É, por iso, que a directora xeral do Fondo Monetario Internacional, un dos nosos verdadeiros pesadelos actuais, tirou desta referencia para asegurar que “comezamos sete anos de vacas gordas”. Certamente, vista a grave situación que soporta unha grande parte da humanidade, as vacas gordas que di ver a señora Lagarde semellan ser, tamén esta vez, froito da actividade mental derivada dos excesos co perigoso “champange” francés na celebración das festas de Nadal. Non hai que descartar o cálculo propagandístico que leva mensaxe oculta. Así, advirte que “o crecemento mundial está atascado á baixa velocidade”; para, de seguido, pedir que se aceleren as reformas do mercado laboral e da competitividade. Por estes pagos xa sabemos o que leva a letra pequena do discurso: menos salarios e más facilidade para o despedimento.  Velaí o camiño que busca a elite dirixente planetaria que, novamente, celebrará cónclave anual en Davos; cita á que acudirá o máis destacado elenco do poder económico e político para, outra vez, poñer en común as súas estratexia de dominación e control a favor, non se dubide iso, do seu propio interese de clase. Alí estará, con discurso no seu fluído inglés, a Alcaldesa de Madrid para suplir ao ausente Rajoy; ocupado este, confiemos, en procurar solución ao mandato dado por Obama sobre a necesidade de tapar a “grande fosa mariana” do paro xuvenil español.  Coa señora Botella de “relaxing cup of café con leche” no país alpino, evitaranse os seus incendios verbais, o último considerando “atentados” as formas da comprensible protesta levada a cabo por esa nova aldea gala que son a veciñanza da barriada burgalesa de O Gamonal. Cidadanía ao límite do sufrimento polas descaradas cacicadas que usan bens públicos para lucro persoal. Mobilización contaxiosa porque aquí, na base social, as vacas continúan todas fracas.

As vacas da Lagarde

Te puede interesar