Valor comercial dos nomes galegos

A elección do galego para denominar produtos, tendas, establecementos hostaleiros ou marcas de todo tipo ten implicacións sociolingüísticas claras e contribúe á normalización do idioma, aspectos este que se puxo novamente de manifesto na última das xornadas sobre Onomástica Galega celebrada en días pasados a través da forma inevitábel de comunicar nos tempos da pandemia vírica imperante, nunha relación de intervencións por unha das canles de internet, facendo da necesidade do momento virtude que permite, por unha banda estender o público que pode participar virtualmente no directo e, pola outra, manter a súa visión viva no tempo posterior.

A Real Academia Galega, máis unha vez co prestixio das persoas que conformaron este foro divulgativo, pon de manifesto que “a lingua no só é un elemento simbólico, tamén é un elemento activo no país como marca económica cada vez, afortunadamente, máis presente” aínda que fica moito camiño por andar a respecto de boas prácticas, principios éticos e responsabilidade social corporativa das empresas, porque tratar do idioma nos negocios é falar da maneira como estes abordan o uso da lingua galega na súa dinámica comercial. Sen dúbida algunha, o universo socioeconómico é un ámbito fundamental na misión de estender o noso idioma á conquista da súa normalización satisfactoria. Certo é que se ten iniciada unha vía simbólica na etiquetaxe de boa parte de produtos do sector agroalimentario galego, sobranceira polo número de adegas adheridas que saben da singularidade de marca que o idioma propio engade á identificación do territorio de procedencia nun mercado globalizado que busca excelencia e personalidade diferencial. Un valor intanxíbel que tamén aprecian, á hora de marcar distintivo de calidade e orixe, pequenos negocios de artesanía e diferentes industrias de elaboración e transformación. Mesmo algunha das grandes referencias na distribución comercial teñen dado pasos decididos na dirección de asociar o idioma propio do país a súa marca, política de comunicación, publicidade e relacións públicas.

Aínda con iso, o mundo dos negocios no territorio galego representa unha clara anomalía á hora de mostrar interese, respecto e integración da lingua galega na súa práctica cotiá. Nunha comunidade humana na que practicamente todas as persoas entenden o idioma propio é incomprensíbel que boa parte do tecido empresarial nin sequera respecte a única forma toponímica das entidades de poboación. Moito menos, o dereito cidadá a recibir atención en galego, incluída a ofertada de forma escrita ou a de formularios e contratos. Grave desprezo é o caso da discriminación de grandes corporacións que inclúen, no seu campo de relación coa clientela, atención na lingua doutras comunidades do Estado e non na nosa.

Á par da responsabilidade que teñen as institucións públicas na sensibilización, pedagoxía na contratación de servizos e promoción de uso do galego na actuación empresarial; é hora de facer valer o gran poder de consumidores e usuarios, a forza do idioma que si entenden nos negocios.

Valor comercial dos nomes galegos

Te puede interesar