Valor simbólico da antroponimia

O substantivo feminino “antroponimia”, en lingüística, fala da parte da onomástica que estuda a orixe, historia e significación dos nomes propios de persoa. Aínda que a expresión como tal non resulte moi familiar ao común dos mortais, todas e todos facemos uso dela cos nosos apelidos; e, tamén colateralmente, co nome de pila empregado no bautizo ou, para os que non pasasen por este rito católico, co que se incluíu na partida de nacemento do Rexistro Civil. Certo é que resulta máis acaído poñer foco na onomástica, outro substantivo feminino, que nunha das súas acepcións define o estudo dos nomes de seu, en particular dos de persoa, e da súa etimoloxía, morfoloxía, transformación e outros aspectos relacionados á cuestión relativa. Apelidos e nome que forman parte fundamental da nosa identidade, iso que nos fai diferentes aos demais á hora de sermos recoñecidos. Un valor simbólico e do patrimonio inmaterial que configura a cultura colectiva. 
Velaí, o Consello da Cultura Galega en parcería co Instituto da Lingua Galega vén de publicar unha obra colectiva titulada “Antroponimia e lexicografía”, baixo a dirección editorial de Isabel Boullón, na que se recolle a riqueza dos apelidos galegos. O volume, que pode verse de xeito gratuíto en rede e mesmo descargalo á computadora persoal, parte das conferencias lidas nun simposio que, sobre esta materia, se celebrou fai dous anos na Universidade de Compostela. Na obra reúnense “contribucións sobre a elaboración de dicionarios antroponímicos, tanto desde unha perspectiva románica como en distintos ámbitos xeográficos, así como a conexión entre a antroponimia e o léxico común, a “deonomástica”, e sobre aspectos específicos do estudo da antroponimia galega”; e dicir, encol dos problemas etimolóxicos, sobre as transmisións dos apelidos e o estudio histórico dunha área concreta.  A obra editada é pioneira na aproximación ao valor simbólico dos apelidos en Galiza. Declara “querer, en definitiva, con este volume, contribuír ao tratamento lexicográfico dos apelidos e afrontar o coñecemento deles no noso territorio”. 
Abofé que paga a pena botar unha ollada a esta achega coa que, ademais, se anuncia a “elaboración do Dicionario dos apelidos galegos, un proxecto que non ten parangón no ámbito lingüístico hispánico”. Nel “recolleranse aqueles apelidos que teñen máis de 30 ocorrencias; isto é unhas 5800 formas que abranguen a práctica totalidade da poboación”, sabendo que hai máis de vinte mil apelidos que teñen un único portador. Descubrimos que no último século e medio non apareceu ningunha expresión nova de entre apelidos e nomes galegos que son todos posteriores á romanización; preto dunha quinta parte deles afectados pola castelanización producida a partir do século XVI. Unha imposición que precisa de reacción normalizadora para facer uso do valor simbólico e patrimonial das formas propias que nos dotan de identidade diferenciada. 

Valor simbólico da antroponimia

Te puede interesar