Valor universal do patrimonio natural

Vén de anunciarse a candidatura da Ribeira Sacra a ser Patrimonio da Humanidade, unha consideración tutelada pola UNESCO na que tamén forma parte da “quenda de agarda” a da Cíes-Illas Atlánticas, proba do indiscutíbel valor universal do patrimonio natural galego. Pendentes da decisión que o Comité do Patrimonio Mundial adoptará nunha próxima xuntanza anual a celebrar en Bakú na primeira decena do mes de Xullo, alén da polémica que mantén o concello vigués co resto das entidades municipais do Parque Natural e coa administración galega, esta magna relación de sitios específicos do planeta que suma medio século de incorporacións moi escollidas, é unha garantía de preservación, divulgación e boas prácticas de turismo sustentábel da que estamos moi necesitados, tanto nesta paraxe atlántica como nas ribeiras do Miño e do Sil.

No caso galego, xa contamos coa inclusión de cidades no Patrimonio Cultural: Compostela polo seu casco histórico e Lugo pola súa muralla milenaria, aos que se suma o Camiño de Santiago e, tamén, as construcións coa técnica da pedra seca. Nestes casos, representando unha obra mestra da capacidade creativa do ser humano. Testemuño dun importante intercambio de valores a través do tempo que abranguen aspectos arquitectónicos, artísticos e de intervención na paisaxe que achega aos nosos tempos algunha edificación que é símbolo dunha pasada etapa histórica da civilización universal. Apenas catro casos dunha lista mundial que supera o milleiro.

Toca agrandar esa presenza coa inclusión de espazos da terra e do mar galegos no Patrimonio Natural do programa da UNESCO, e para iso as dúas candidaturas en curso cumpren dabondo coas esixencias fixadas por esta organización da cultura mundial. Ámbas as dúas son áreas de excepcional beleza natural e importancia estética. Constitúen e conteñen exemplos notorios de procesos ecolóxicos e biolóxicos no curso da evolución dos ecosistemas naturais e de preservación de especies de fauna e flora únicos. Conteñen hábitats naturais representativos e moi importantes para a conservación da diversidade biolóxica, incluída algunha especie ameazada de valor universal dende o punto de vista da ciencia e da política de conservación. 

Non debemos esquecer que é preciso superar a proba de exame, para ser incluída no Patrimonio Mundial, que vai realizar a Unión Internacional para a Conservación da Natureza fixándose especialmente no coidado do entorno candidato. Daquela, aínda sendo un paso importante a declaración de BIC pola paisaxe cultural da Illa de Sálvora, o fundamental será a rigorosa execución do mandado na Carta Europea de Turismo Sustentábel para que se “respecten e preserven no tempo actual e próximo os recursos naturais, culturais e sociais” e o seu desenvolvemento harmónico a favor da persoas que traballan ou gozan dos espazos protexidos, porén asegurando a súa herdanza en bo estado para as xentes do futuro. Patrimonio vivo e útil.

Valor universal do patrimonio natural

Te puede interesar