Variante do totalitarismo invertido

otalitarismo invertido e democracia fuxidía, son dous conceptos teóricos fundamentais para entender os réximes formalmente construídos sobre o principio do poder dun voto igualitario porén que, pola contra, están apresados ao servizo e para o interese das elites económicas que converten á cidadanía en consumidores e dominan á sociedade grazas aos grupos políticos e aos medios de comunicación. No totalitarismo clásico, as ditaduras dos anos trinta a sesenta do pasado século, o poder do estado era capturado por un partido de ideoloxía fascista que facía uso dese control único para conducir a vida política e social do territorio afectado. O pai desta teoría de éxito é o filósofo norteamericano, Sheldon Wolin, profesor californiano que popularizou esta crítica, de base non marxista, ao capitalismo en varias obras de análise sociolóxica, especialmente en “Democracia S.A.: Democracia dirixida e a pantasma do totalitarismo invertido”. 
No ámbito mundial actual é indiscutíbel a validez do enunciado por este intelectual, falecido xa fai anos, pondo en evidencia a fusión do poder económico e do poder político co efecto de alterar radicalmente o proceso democrático, alén da formalidade aparente utilizada esta como xogo de espellos para evitar ser vista pola xente do común a partir do uso perverso dos procesos de comunicación e para a creación de estados de opinión fraudulentos. Na mecánica de alteración da racionalidade pública, o truco de maxia utilizado produce o resultado de confrontación de persoas e de cuestións anecdóticas, no canto do ideolóxico ou do interese social, para facer dos procesos electorais un xeito de realidade artificiosa propio dos concursos de televisión sen substancia. 
Daquela, a palabra invertido, participio do verbo inverter, é demostración desa cousa que se torna o contrario do que era. Invertía as cartas para que non lles vise as marcas, frase a xeito de exemplo do antedito é metáfora do que, en certo modo, foi iso que chamamos “a transición” da ditadura de Franco ao tempo constitucional que permitiu a continuidade do aparello institucional do tardofranquismo sen ter producido a ruptura democrática necesaria par pór fin de vez á “longa noite de pedra” abrindo un novo tempo de “alba de gloria” para facer xustiza á memoria das vítimas da represión e posibilitar as conquistas sociais das clases traballadoras e dos pobos. 
O vivido aquí non deixa de ser constatación dunha variante da teoría do totalitarismo invertido; e dicir, da permanencia e dominio das elites económicas e políticas do vello réxime sobre o interese dos sectores máis desfavorecidos ou o das comunidades nacionais sometidas, cousa que pode comprobarse no relato que está dinamizar O Faiado da Memoria no ciclo Tempo (de) Grises cos parladoiros, en Vilagarcía, de persoas que participaron de xeito relevante neste proceso da nosa historia contemporánea máis recente, necesitada dunha fonda revisión do discurso oficial. Urxe.   
 

Variante do totalitarismo invertido

Te puede interesar