Verdade, xustiza e reparación

s vítimas da represión franquista claman polo cumprimento do seu dereito á verdade, á  xustiza, ás reparacións moral e material da súa honra e á garantía da non repetición dos feitos que fixeron que elas soportaran aldraxe, persecución, longa serie de anos na cadea ou, en miles de casos, morte vil. Velaquí as razóns que xustifican o acto que, por trece veces sucesivas, congregará na illa pontevedresa de San Simón ás persoas que militan na causa das vítimas. Tempo de memoria, día para homenaxear ás e aos mártires da liberdade, momento para lembrar con bágoas ás persoas roubadas por homicidio ás súas familias, encontro de irmandade entre entidades e asociacións que manteñen o alicerce dunha loita que doe até o esquecemento programado a boa parte das institucións públicas representativas, incómodas cun recoñecemento legal de memoria histórica que, na práctica, fica baldeiro de actuación algunha por parte dos gobernos de quenda.
Recordemos a consideración sinalada no informe do Grupo de Traballo sobre o Exame Periódico Universal (EPU) – España, sinalando que “o Estado español incumpre de xeito sistemático a normativa internacional de Dereitos Humanos, violentando gravemente o dereito á verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición das vítimas dos crimes contra a humanidade cometidos durante a ditadura franquista”.  Para situar a cerna da valoración xurídica, lembra que o golpe cívico e militar que “depuxo ás autoridades lexítimas da Segunda República e impuxo violentamente aos españois o réxime ditatorial franquista que executou un plan de exterminio co que de forma sistemática se vulnerou os máis elementais dereitos humanos de centenares de miles de persoas perante máis de corenta anos: desaparecidos, fusilados, nenos roubados, vítimas do traballo escravo e de malos tratos e abusos en campos de concentración, en cárceres, en comisarías, en cuarteis; torturados, exiliados, perseguidos; formas específicas de represalia feminina como foi o rapado, a violencia sexual” e un longo abano de técnicas de castigo atroz. 
Crimes de lesa humanidade que foron amnistiados nun pacto de transición política que continúa a producir un xeito de “xustiza á inversa”, tal como denuncia a Iniciativa Galega de Memoria, poñendo como evidencia a impunidade coa que campa a familia Franco á hora de promover querelas e denuncias contra investigadores que teñen esixido, con proba documental do espolio forzado no pasado, a devolución do patrimonio furtado; caso do Pazo de Meirás; chamado a ser centro galego de memoria.  

Verdade, xustiza e reparación

Te puede interesar