A xenética da proxenie de Breogán

artigo científico titulado “Patróns de diferenciación xenética e pegadas de migracións históricas na Península Ibérica”, publicado días pasados na revista académica Nature Communicatións, subscrito por un equipo internacional formado por investigadores das universidades de Compostela e Oxford, coas conclusións da análise dunhas mil catrocentas mostras de ADN de persoas habitantes no territorio hispano-portugués a fin de xerar o primeiro mapa xenético en detalle do ámbito estatal e “comprender os impactos da migración na poboación actual”, vén de producir un lóxico impacto na opinión pública polo efecto do seu tratamento nos medios de comunicación polos achados de natureza antropolóxica postos de manifesto.
Este grupo de intelectuais entre os que figura o Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, o doutor Carracedo Álvarez, apuntan nunha variada dirección que non deixa de sorprender a respecto de estereotipos existentes. Dunha banda, o traballo de pescuda xenética comparada sitúa á poboación galega actual emparentada cos habitantes do norte africano, unha cousa que choca coa situación histórica de certo illamento do noroeste peninsular, nomeadamente o territorio galego, onde non se produciu o fenómeno da ocupación continuada no tempo da invasión musulmán que colonizou á outra parte do ámbito estatal mediterráneo. Este último, en contraste coa lóxica aparente das cousas, moito menos afectado pola coincidencia xenética coas xentes da demarcación marroquí á que nos emparentamos, pola contra, os herdeiros de Breogán. 
Obvio é, fóra do rigor académico, a consideración de que o proceso debeu darse ao revés: A tradicional emigración galega, nunha fase protohistórica sería a que foi probar fortuna ao norte de África; e, daquela, son eles os que levan o noso ADN e non ao revés. Brincadeira da retranca, sen base científica, abofé.  O documento destes expertos en xenética humana apuntan a outro fenómeno contrario ao pensamento tradicional: A poboación non se relacionou nos procesos migratorios en dirección horizontal, de este a oeste, non. A mestura fíxose de sur a norte, razón pola que os galegos temos máis en común coa veciñanza portuguesa do Algarve que coa poboación de Catalunya. Iso explicaría tamén a identidade lingüística do galego-portugués. 
Máis aínda, aproveitando o proceso deste estudo, probabelmente cunha mostra moi cativa para conclusións tan definitivas, unha manchea de expertos sumaron criterio a respecto doutra descuberta parella ao citado achado xenético: A teima galega por casar no entorno da propia parroquia e, con este proceder, impedir que teñamos unha máis grande achega de xenes foráneos, producindo unha certa endogamia que algún entendido atribúe ás limitación de recursos das clases populares do agro galego, sen capacidade ou recursos para buscar parella fóra da aldea. A xenética da proxenie dos nosos devanceiros celtas está en cuestión. Cousa sabida. 

A xenética da proxenie de Breogán

Te puede interesar