Circuito de motocross en Rubiáns

Perplexo. Así se queda un logo de ler na prensa local que a proposta estrella do PP para Rubiáns, se gañan as eleccións, é a creación dunha pista de motocross, trial e mountain bike nos terreos do campo de fútbol de Rubiáns.

O campo de fútbol de Rubiáns caeu no abandono fai xa moitos anos, cando os últimos equipos de fútbol de Rubiáns desapareceron. Os vándalos non tardaron en destrozar as instalacións, arrincando as instalacións eléctricas, de fontanería, portas, sanitarios… Ó mesmo tempo, persoas descoñecidas aproveitaron a impunidade que dá a localización do campo, as paredes dos vestiarios que impiden ver do outro lado, a falla de alumeado etc. para abandonar no campo todo tipo de escombros de obra.

Por certo, hai apenas dous anos, a Mancomunidade de montes de Vilagarcía elaborou un dossier cos mapas das comunidades de montes que a integraban, nos que aparecían xeoreferenciados e fotografados os vertedeiros de lixo ou escombros que existían nos nosos montes. Dito dossier foi enviado á Xunta de Galicia, coa petición de axuda para erradicar ditos vertedoiros antes de que comenzase o vran, pola incidencia demostrada que os depósitos de lixo teñen no inicio de incendios forestais. Lamentablemente, a Xunta de Galicia gobernada polo PP, non tivo a ben axudarnos na erradicación dos vertedoiros. E mais: nen siquera tivo a ben contestarnos.

Posteriormente, a Directiva do Arousa mantivo un par de xuntanzas coa Xunta Rectora da Comunidade de Montes, xa que o clube estaba interesado en recuperar o campo de fútbol para que servira de campo de entrenamento para as categorías inferiores do Arousa. Tiñan a intención de facer o investimento económico preciso (vestiarios, terreo de xogo, iluminación, peche das instalacións, etc). Lamentablemente logo da segunda xuntanza, non volvemos saber nada deles. Enterámonos pola prensa que decidiran facer o investimento noutro campo de Vilagarcía.

Pois ben, agora aparece o PP, coa “ocurrencia” do circuito de motocross, trial e mountain bike. E todo eso, nunha superficie máxima de 5.670 m2 que é o que ocupa o campo de fútbol. Porque supoñemos que non pensarán vostedes ampliar o seu circuito á plantación de castiñeiros que rodea o campo de fútbol. ¿Ou sí?

Lamentable. Lamentable que certos aspirantes a políticos xoguen cos veciños con “ocurrencias” como a presente. Non lles importa nada que  non tódolos veciños de Rubiáns teñan alcantarillado, que o sistema de alumeado público sexa insuficiente, anticuado, e de alto consumo enerxético. Non lles importa que moitos camiños de Rubiáns sexan tan estreitos que non permitan o cruce de dous coches. Non lles importa que na estrada de Rubiáns non haixa lugares sinalizados con reserva de espazo para a parada do bus escolar, o que en ocasións obriga ó bus a parar en doble fila co perigo que supón para os nenos. Non lles importa que os 3 cruceiros que temos en Rubiáns estén nun estado lamentable, cun deles (o do Souto) en grave perigo de que o vento e as ramas do cedro que case o envolve acaben rompendo o varal da cruz. Ou que o de Soutelo teña a cruz a piques de cair. Tampouco lles importa a reparación e valado da Pista Polideportiva de Zamar, que se nadie o remedia acabará desaparecendo. Non lles importa tampouco encontrar una solución definitiva para o taponamento da ponte de Soutelo sobre o río Leiro, que en épocas de grandes choivas provoca inundacións, nen que o lavadeiro de Perrón faga anos que non  teña auga, ou que o parque infantil adxacente non teña os aparatos, ou que a ponte sobre o río se esté afundindo porque a auga  foi socavando a pedra na que se apoia. Ou que as rexillas que recollen a auga da choiva frente ó Centro Cultural sexan un mero adorno, xa que carecen de desaugue, co cual cando se enchen, a auga entra no Centro Cultural. Ou que o parque infantil de O Souto non teña una porta que impida que os cans fagan as súas necesidades sobre a gravilla na que logo xogan os nenos.

Pois non: Todo esto, para o PP e o seu “representante” en Rubiáns carece de importancia. Según eles, a gran necesidade que temos os veciños de Rubiáns, e que mellorará de xeito notable a nosa calidade de vida, é ter un circuito de motocross, trial e mountain bike. 

Xenial. Menos mal que non van gañar as eleccións ….

Circuito de motocross en Rubiáns

Te puede interesar