• Viernes, 21 de Septiembre de 2018

ABRIR AS FIESTRAS DO CONCELLO

A importancia do control do cidadán sobre a actividade gobernamental nunha democracia queda acreditada dende os debates

A importancia do control do cidadán sobre a actividade gobernamental nunha democracia queda acreditada dende os debates que precederon á promulgación da primeira Constitución democrática da historia. Nos chamados “papeis federalistas”, pensadores como James Madison ou Alexander Hamilton introducían os conceptos de “rendición de contas” ou “controis e contrapesos” como elementos esenciais que se atopan na raíz da democracia.
Precisamente os mecanismos de transparencia e de bo goberno funcionan como contrapesos que garanten a protección da cidadanía fronte as hipotéticas arbitrariedades do poder público. As incompatibilidades das persoas que exerzan altos cargos, a publicidade das actividades do Goberno e o exame cidadán de toda esta información supoñen mecanismos de control e de limitación do poder estatal perante as liberdades civís.
Un goberno aberto é aquel que se basea na transparencia como medio para involucrar á cidadanía na participación e na colaboración co Público, a través dos principios de transparencia, datos abertos, participación, ou colaboración. Débese ter en conta que no presente momento histórico dita participación materialízase fundamentalmente a través das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), se ben non cabe ignorar mecanismos non tecnolóxicos como a iniciativa popular ou os orzamentos participativos. 
Dado que a Administración local é a administración máis próxima ó cidadán, parece ser a máis idónea para a implantación do Goberno aberto. O Goberno de Cambados vén de presentar e aprobar unha nova Ordenanza de Transparencia neste último pleno, que por primeira vez na historia deste Concello foi retransmitido en directo a través dunha canle de internet municipal que en apenas uns días chegou a máis de 360 visualizacións. Isto permite ó Concello de Cambados estar á vangarda na transparencia municipal, non só a nivel da comarca do Salnés senón a nivel galego, xa que a devandita ordenanza vai levar consigo a creación dun portal de transparencia no dominio “www.transparenciacambados.gal”. O portal xa esta dispoñible na rede para que os veciños de Cambados teñan ó seu dispor toda a documentación que pola presente ordenanza se vai facer pública a través das tecnoloxías da información e as comunicacións. 
Todas estas medidas teñen a súa cerna na demanda de transparencia por parte de moitos veciños e veciñas de Cambados, que a pesares de chocar coa opacidade e reprobación do anterior alcalde do Partido Popular (quen non estaba de acordo en que se fixeran públicos os debates e os temas que se trataban no pleno), lograron poder gravalos e emitilos grazas á súa insistencia, tesón e traballo. Agora o novo goberno municipal colleu con forza ese relevo.
Hai apenas uns meses decidín mudar a miña vida profesional e entrar na política de forma activa. Considerei que era o momento de devolverlle a Cambados o que me deu e tentar mudar certas cousas que non me gustaban da nosa política local, entre elas a falla de transparencia. Entrei, como tantos, a formar parte da “nova política”. Un camiño con data de retorno e sen intención de perpetuarse. Cando unha persoa se expón á vida pública, asume unha serie de consecuencias e entende que, como todo na vida, sempre haberá xente á que non lle guste o que fas. A crítica construtiva é moi saudable.
Agora ben, a democratización e globalización da información teñen perigos como a falla de rigor ao contrastar unha noticia, así como a proliferación de supostos “medios dixitais” que están pouco a pouco creando un clima de crispación que non leva a ningures. E todo isto faime reflexionar respecto dunha falla de madurez e empatía como sociedade, xa que se se lle dá credibilidade e se difunden as informacións sen verificalas, poden chegar a converter a un en cooperante dun delito. Canta covardía tanto nos que acosan e insultan parapetados tras un “nick”, como nos que usan este tipo de ataques para facer dano e calumniar. A min, sinceramente, amosoume unha parte da sociedade cambadesa que me asusta e da que non me sento nada orgulloso como parte desta vila.
*Concelleiro de Somos 
Cambados