VENTO MAREIRO

A ti, meu Cambados, probe e fidalgo e soñador, que ó cantareiro son dos pinales e ó agarimo dos teus pazos lexendarios
 

A ti, meu Cambados, probe e fidalgo e soñador, que ó cantareiro son dos pinales e ó agarimo dos teus pazos lexendarios, dormes deitado ó sol, á veira do mar”. 
Con estas fermosas palabras a modo de dedicatoria á súa vila comeza o poemario Vento Mareiro de Ramón Cabanillas, “Poeta da Raza”, como foi denominado por Antón Vilar Ponte en 1917. Unha obra que cumpre neste ano o centenario da súa publicación, motivo polo cal o Concello de Cambados está a celebrar nestes días unha serie de actos culturais para conmemoralo. Trátase dun libro publicado no desterro que viviu en La Habana. Un desterro para fuxir da persecución á cal se vía sometido por republicano e sobre todo, por anticacique; feito constatable, por exemplo, a través do xornal “El Umia”, fundado e dirixido a comezos do século XX por Ramón Cabanillas e no que colaboraban xente nova (entre outros Antonio Magariños), preocupada pola modernización e o desenvolvemento económico de Cambados. Ou como no posterior diario satírico “El Cometa”, no que se nos amosa un Cabanillas combativo, satírico e desencantado co sistema, no que abundaban as críticas contra unha poderosa e inmobilista curia xudicial, á que cualificaba da seguinte maneira: “no es una fuerza creadora sino un corrosivo que ataca todas las sustancias”.
Cambados era un pobo deitado ó sol, pero tamén soñador, e no que o propio Cabanillas foi un soñador máis. Así, no segundo número de “El Umia”, en 1907, publícase un artigo inicial a xeito de editorial: “¡Soñemos, alma, soñemos!”, no que se imaxina un Cambados en 1957, e no que relata as vivencias dun vello que leva fóra 50 anos e chega nun ferrocarril á súa vila natal para morrer nela. Un Cambados no que se construíra un novo peirao impoñente, no que se fixeran varios recheos para poder pasear por xardíns con olmos e no que se construíran novos edificios para oficinas municipais e escolas varias. Un Cambados onde na rúa do Pombal hai almacéns de conservas e de salga, e no que destaca unha fábrica cunha elevada e fumegante cheminea, e cara á Toxa vense navegando rápidas lanchas de vapor… Logo o velliño percorre a vila e descubre o progreso dun novo Cambados ao pasear por anchas rúas, con artísticas reixas no canto das murallas dos conventos, cos amplos soportais na Praza de Fefiñáns e rótulos que lle causaron asombro (Unión de Pescadores, Centro Obrero, Sociedad Ostrera, Gremio de Vinicultores ...).
Un soñador cambadés, dun pobo que xa non se deita ó sol, no que a maioría dos seus habitantes quere unha nova vila, moderna e sen caciques, na que non se esquece a súa historia recente para non cometer os mesmos erros do pasado. 
¡Soñemos, alma, soñemos!
*Concelleiro de Somos Cambados