O BNG esixe a urxente reparación das deficiencias da escola unitaria de Vilar-Bamio

Xabier Ríos, voceiro do BNG en Vilagarcía | g. salgado
|

O BNG de Vilagarcía insta ao Concello e á Xunta de Galicia para que atendan dunha vez por todas as demandas da comunidade educativa da escola unitaria de Vilar, en Bamio. Os nacionalistas inciden en que o local ten graves deficiencias que poñen en risco a saúde dos nenos que acoden ás clases ao centro. O BNG lamenta que dende a Xefatura Provincial de Educación se siga a desatender o problema e tamén dende o Concello dado que “non se lle está a dar solución”.

Obras necesarias
O BNG incide en que a día de hoxe non se levaron a cabo os traballos precisos na unitaria. Falan de renovar os baños, que manteñen segundo eles un estado deplorable e inseguro para os nenos. A maiores apuntan que nin a carpintería interior nin a exterior aislan o necesario, producindo un ambiente insoluble de humidade e de frío.

O Bloque sinala ademais que o problema maior é o da instalación eléctrica, dado que inciden en que non cumpre a normativa vixente e supón un grave risco para os nenos. Din que os enchufes están a ras do chan e moi accesibles para nenas e nenos. De feito apuntan que manteñen diversas conexións que son un risco evidente.

O BNG indica que “non é de recibo que non se teñan atendido todas estas reclamacións das nais e pais e se manteña este grado de deterioro, que mesmo está a poñer en risco a saúde das crianzas, sen que tanto por parte do Concello como por parte da Xunta se teñan feito o necesario para evitalo”. Para os nacionalistas “non se pode admitir que se veñan arrastrando estes problemas, e que unha vez máis dende a Xunta e Concello se dediquen a tirar balóns fóra”.

Para o BNG dende estas dúas administracións fixéronse “oídos xordos e visto para outro lado, sen terlle dado solución” e entenden que “non é admisible que os nenos soporten estas condicións terceiromundistas que mesmo poñen en risco a súa saúde”.
Así pois os nacionalistas reclaman do Concello que se atendan as demandas do colectivo de nais e pais do centro.

O BNG esixe a urxente reparación das deficiencias da escola unitaria de Vilar-Bamio