Pedro Falcón: “En política hai que ser máis acompañante e menos escaparate”

Pedro Falcón analiza a situación da política municipal e os obxectivos de Podemos nesta nova etapa | gonzalo salgado
|

Ser mozo e adicarse ao mundo da música non é, nestes momentos, a opción máis doada. Ademais, hai quen atopa ocos para traballar por mellorar as cousas. Pedro Falcón Latorre (Vilagarcía, 1992) leva anos vinculado a movementos culturais e asociativos, e tamén a Podemos, partido no que agora asume novas responsabilidades como voceiro do Círculo.

Por que decidiu dar este paso e como o afrontas? 
Con moita ilusión. Ata o de agora axudaba a coordinar ás compañeiras. Tras moito traballo e cun proxecto afastado de formas electoralistas, con caras descoñecidas e moi preparadas, conseguimos sacar participación municipal. Agora, o que toca é consolidar unha alternativa para a vila.
 
Que papel xogará Vilagarcía na reorganización de Podemos tras os malos resultados galegos?
Podemos en seis anos tivo que aprender o que a moitas organizacións lles leva trinta. Tivo que reaccionar rápido. O que nós podemos aportar e a experiencia de tecer desde abaixo, de facer política nos bares, nos centros socioculturais, e manter unha liña de traballo que é moi complicada fora das institucións. Grazas a iso sacamos representación. 

Anunciaron unha nova forma de facer política no Concello...
Cando María (pola concelleira, María de la O Fernández) prometeu o cargo dixo: A miña voz será a voz da veciñanza. Procuramos traballar sempre en aberto, tendendo a man. Non buscamos un titular ou unha medalla ao día seguinte, e penso que iso é importante e que os colectivos o perciben. Levamos máis de vinte mocións traballadas, todas as intentamos contrastar con colectivos. Tamén intentamos coordinarnos para que en cada xuntanza ou evento haxa unha persoa do noso proxecto.. 

Estamos nunha época na que cambiaron todas as necesidades, cre que a nivel municipal se estivo á altura?
Eu diría que toda a Corporación, cando foi o confinamento, estivo á altura. Todos fixemos unha oposición leal e responsable. Lonxe de buscar titulares destrutivos, nós fomos os primeiros en mandar unha batería de propostas que incluían políticas sociais, un fondo para ordenadores e tablets que facilitaran a ensinanza a distancia, a implantación do fraccionamento de impostos, unha mesa de diálogo co comercio e a hostalería...O PSOE, ao principio, si que parecía que quería dialogar, pero levamos bastantes meses nos que esa mesa de coordinación no se convoca. Fai pouco que rexistramos unha iniciativa neste senso. 

A sanidade é máis importante que nunca, cal é a postura de Podemos sobre o centro de saúde? 
Dende logo, os cruces nos medios aos que nos teñen acostumados PP e PSOE só levan ao bloqueo. Toca avaliar todas as posibilidades: Ampliar o ambulatorio ou reubicalo, pero lonxe de propostas nun programa electoral ninguén puxo sobre a mesa un documento ou estudo. 

A súa profesión é a de músico, como valora a política cultural que se fai en Vilagarcía? 
Se algo nos ensinou a pandemia é que é importante facer eventos máis pequenos e de maneira máis cotiá. Hai que desestacionalizar a cultura. Non podemos ter un un verán sobrecargado e no inverno apenas nada. Tamén é importante un equilibrio entre o centro, as parroquias e os barrios. Isto ten que ver co dereito de todo cidadán á cultura, sen importar onde viva. Tamén debería apoiarse á creación. Ningún goberno foi quen de artellar un plan para os locais de ensaio. O PSOE ve a cultura como cousas que se dan puntualmente e o tecido cultural require dun plan máis centrado no cotiá.

A pandemia tamén limitou a participación cidadá nos plenos, pode ter un efecto desmobilizador?
Penso que debemos repensar e coidar moito as ferramentas de participación cidadá. Ás veces parece que a este goberno lle molesta cada vez que xurde unha asociación ou plataforma cidadá. Non lle gusta baixar á rúa, parece que lles preocupa máis o titular do día seguinte. Nós cremos que en política debemos ser máis acompañantes e menos escaparate. Hai que salientar que, en plena pandemia, os veciños lograron reorganizarse en plataformas como Vilaxoán Esperta ou as asociacións de Sobradelo e Faxilde. Respecto ao Pleno, cremos que é unha cuestión de vontade política. Nestes tempos non sería tan difícil facer rogos e preguntas online, para que a xente poida participar.

Falando de futuro, as eleccións aínda quedan lonxe pero este paso conleva unha implicación maior en 2023?
Non. É algo orgánico. A miña vontade é a de axudar a consolidar unha alternativa de goberno. Creo que todo o que me coñece sabe que a miña aspiración política é cero. Son un tipo que é músico e no seu tempo fai política.

E para as próximas eleccións será posible unha coalición con Esquerda Unida? 
Quero ser claro e coidadoso. Nós sempre estaremos dispostos a sumar, pero non para sacar un bo resultado electoral, senón para levar adiante un proxecto que mellore Vilagarcía. E iso non pasa por unha fórmula electoralista ou unha lista acordada no último momento. A partir de aí, a disposición é absoluta e eu engado que ogallá cheguemos a ese punto, pero sempre poñendo a Vilagarcía por diante.

Pedro Falcón: “En política hai que ser máis acompañante e menos escaparate”