Canseira epidémica

Canseira é diminución da forza ou do ánimo. Algo que está a pasar, na percepción individual e colectiva dos datos estatísticos e numéricos coa información que chega, probabelmente de xeito abusivo aínda que o problema sanitario, económico e social xustifique dabondo que o fenómeno da epidemia vírica sexa causa que motive titulares, espazos informativos e parladoiros de opinión en xornais e outros medios audiovisuais. Porén, en meses pasados, popularizouse o vocábulo de “fatiga pandémica” para explicar ese estado de ánimo que toda a sociedade, na xeografía planetaria mundial, estaba a experimentar. Detrás do choque inicial que levou ao confinamento dos interminábeis primeiros meses, seguiu un escaso tempo de apracible convivencia exterior para entrar nunha nova onda, a segunda, que producía cansazo, furia e apatía. E logo, case de continúo, por máis de ser sobradamente coñecedores do efecto previsíbel, estoupa a terceira onda que está a producir unha resposta semellante, iso si cun novo matiz. O dunha indiferenza, comprobada pola prensa que olla como as novas relacionadas coa pandemia importan cada vez menos, ou que os profesionais da medicina sintan que as súas mensaxes caen en saco roto. Malia que os datos vaian peor que no pasado, aquí todo dá igual. Á volta de todo.

No plano individual, a favor desa apatía, xoga o feito de que un dos grandes perigos do virus é o seu ciclo de contaxio, o tempo no que tarda en manifestar os seus efectos, unha causa que leva a desprezar o risco da exposición. No ámbito colectivo, pola contra, o ritmo informativo e desenfreado desborda a canle incesante de estímulos, con actualización ao minuto, que asolagan ao máis receptivo perante a riada informativa: Ingresos hospitalarios, saturación das Unidades de Coidados Intensivos dos centros sanitarios, mortes que veñen e van pasando da sensibilidade e dor humano pola perda de persoas a datos dunha clasificación que se ve como unha competición deportiva de carácter internacional. A iso, súmese á hora de inspirar fatalismo, as liortas políticas e as decisión dos responsables públicos que volven cometer os mesmos erros que previsiblemente terán as mesmas consecuencias, levando a incerteza de non saber o que realmente vai pasar, nun panorama de uso mercantil e lucrativo dunha vacina que, inconcibibelmente para os tempos actuais, non dá chegado á xente e, por iso, de seguir así a pandemia vaise alongar moito. Afastamento, para sobrevivir e buscar a vida. 

Canseira epidémica

Te puede interesar