“La sombra de la ley” e “Trote” acaparan trinta candidaturas nos XVII Premios Mestre Mateo

“La sombra de la ley”  e “Trote” acaparan  trinta candidaturas  nos XVII Premios Mestre Mateo
el ideal gallego-2019-02-08-036-c8f998bc

A primeira rolda de votacións dos académicos galegos sitúa aos filmes “La sombra de la ley” e “Trote” como as producións favoritas das 167 que se presentaron aos XVII Premios Mestre Mateo, acaparando 15 candidaturas cada unha. 

A unha certa distancia sitúanse a serie “O sabor das margaridas” con oito, a longametraxe “Contou Rosalía” con sete, e o programa “Land Rober Tunai Show” e o documental “Versogramas” con catro cada unha. A película de Dani de la Torre que leva á butaca aos anos 20 opta a facerse co galardón á mellor longametraxe, mellor dirección e ás categorías de dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son, música orixinal e vestiario. Tamén compiten Michelle Jenner e Luis Tosar pola mellor interpretación protagonista e Adriana Torrebejano e Ernesto Alterio polas de reparto.

“Trote”, pola súa banda, poderá subir as escaleiras ata en quince ocasións en trece apartados diferentes. Entre elas atópanse a de mellor longametraxe ou mellor dirección e mellor guión para Xacio Baño, que comparte esta última con Diego Ameixeiras. Alén disto, tamén dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, maquillaxe e perruquería, montaxe, son, vestiario e cinco candidaturas nas interpretativas: reparto para Melania Cruz, Tamara Canosa e Celso Bugallo e protagonistas para María Vázquez e Fede Pérez. 


A Academia Galega do Audiovisual anunciouno onte nun acto conducido por Nieves Rodríguez e Adrián Díaz no Ágora. Os galardóns entregaranse o 2 de marzo no Palacio de la Ópera, nunha gala dirixida pola guionista, actriz e directora Sonia Méndez.

“Buscadores de naufraxios”, “Land Rober Tunai Show”, “Malo será!” e “Zig Zag Fin de semana” compiten polo premio ao mellor programa de televisión mentres que María Solar, Marta Doviro, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez son os comunicadores. “Os Mariachi”, “Serramoura” e “Viradeira” disputarán o de mellor serie con “O sabor das margaridas” e “Idénticas”, “O caso Diana Quer 500 días”, “Tódalas mulleres que coñezo” e “Versogramas” pelexarán polo de mellor documental. Rosa Álvarez (“Sea Bests”) está na parrilla de mellor interpretación feminina xunto con María Vázquez (“Trote”), Melania Cruz (“Contou Rosalía”) e Michelle Jenner (“A sombra da lei”).  “Morris” (“Os Mariachi”), Luis Tosar (“A sombra da lei”), Toni Salgado (“O sabor das margaridas”) e Xosé A. Touriñán (“Land Rober Tunai Show”) son os nomeados masculinos.

“La sombra de la ley” e “Trote” acaparan trinta candidaturas nos XVII Premios Mestre Mateo

Te puede interesar