De O Escudeiro a iTunes co mellor chill out galego

De O Escudeiro a iTunes co mellor chill out galego
Un momento da produción do videoclip que o conxunto gravou esta semana na vila | mónica ferreirós

Vanessa e Merchi Tilve Rivas son dúas irmás de Meis que levan toda a vida entre cánticos. Desde hai dúas décadas traballan xuntas coas súas voces e as súas creacións, dando forma ao grupo “As Lembranzas”. Agora, dan o salto ao mundo discográfico, tanto en soporte físico, a piques de sacar un CD ao mercado, como á nube, onde o seu primeiro single xa se pode buscar e escoitar en todas as plataformas habituais. Están en Spotify, están en iTunes, están YouTube. E tamén nas redes sociais. 

O mundo dixital amósase un bo altofalante para facer chegar a súa música a todo o mundo. Un paso adiante que comezan a dar hai un par de anos, cando coñecen ao galego afincado en Bélxica Yoni Vidal. Este convértese en produtor e copartícipe do traballo discográfico, “Gaëla”, que ía ver a luz en marzo pero que, como tantas outras cousas, quedou posposto pola Covid. 

Galegos en Europa
O seu estilo e este CD, cóntano elas mesmas, é “moi ecléctico. Ten un pouco de todos os estilos de música. Procuramos mesturar ritmos latinos, ritmos tradicionais da nosa terra, chill out...” “Mar do Norte”, o primero single do disco, é bo exemplo do que falan: “É un tema chill out, relaxa; aínda que recorda moito a Galicia, hai gaita... é moi chulo!”. “Fusionamos o que é a nosa identidade co que se escoita por Europa, procurando que a nosa música poida saír tamén das nosas fronteiras”. Son todas composicións propias, en galego. 

Últimos pasos
“As Lembranzas” son ben coñecidas en Meis. Sen ir máis lonxe, participaron na edición tan atípica do San Bieito deste verán. Non podía haber verbenas, así que o Concello acudiu a elas para que adaptasen a un espazo exterior o seu espectáculo  cómico-musical

“Lembranzas entre Irmás”. Con aforo reducido, en cadeiras separadas e ao aire libre, a súa particular visión da emigración mesturada con grandes temas de medio mundo triunfou nun serán “diferente” nesta festa marcada pola normativa anti-Covid. 

Quen quedou con ganas de máis, teno sinxelo. Porque de volta a ese CD a punto de saír do forno, xa hai un adianto. Dende xuño, os internautas poden atopar nas plataformas o citado primerio sinxelo, “Mar do Norte”. E nunhas dúas semanas acharán tamén “Cantandando”. Dous bos expoñentes do espírito do disco, que chegará ao mercado, agardan, no mes de outubro. 

Videoclip en O Mosteiro
A historia de como se fraguou “Gaëla” foi, como tantas, case de casualidade. “Este proxecto nace en 2018, que é cando coñecemos a Yoni Vidal. Comezamos ao tonto, ao tonto, como quen non quere a cousa. Acabamos entre Bélxica e aquí, gravando, con músicos de alá e de aquí”. 

E a xente de aquí tamén xoga un gran papel na parte visual. O grupo gravou esta semana o videoclip para “Cantandando”, na Casa do Escudeiro. Trátase dunha peza audiovisual producida por Aguacate Films na que “colaboraron músicos da zona, como Rubén Fernández, Josele, Manuel Muñoz, as Cantareiras Madia Leva, o Coro Moderno Os Barallocas... Contamos con xente da nosa terra. E logo, tamén, o Concello de Meis, que nos abriu as portas e deunos todo tipo de facilidades para poder gravalo”. 
Agora, toca que o público desfrute do resultado.

De O Escudeiro a iTunes co mellor chill out galego

Te puede interesar