Eulogio Gondar: “O segredo para facer un bo viño é traballar a uva con cariño”

Eulogio Gondar: “O segredo para facer un bo viño é traballar a uva con cariño”
Copia de Diario de Arousa-2017-07-28-012-8534348f

“Lagar de Candes” obtivo a “Vide de Ouro” neste Encontro co Viño de Autor en Meaño. Trátase dun caldo anteriormente xa laureado no certame e un dos de maior proxección. A adega homónima onde se elabora produce ademais outras dúas marcas, “Quinta Vide”, de corte similar, e “Candes Selección”, máis peculiar, de parcelas máis próximas ao mar. 
Falamos con Eulogio Gondar, o responsable da adega gañadora, un viticultor entregado que se confesa “orgulloso de estar dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas” e do traballo feito.

Como define este recoñecido “Lagar de Candes”?
É un viño que nunha palabra defínese como “artesán”. É unha elaboración moi sinxela. O proceso en bodega facémolo todo nós, unha adega pequena e familiar.  Recóllese a uva e o que tratamos é que estea o menor tempo posible en caixas,  co que se leva canto antes ao pesado e á prensa. Logo pasa pola fermentación alcólica normal. O que non facemos é acelerar os procesos de elaboración, para que o viño se vaia facendo en depósito. Por iso, o traballo noso é elaborador, non de fabricante.

Canto tempo o deixan en depósito?
Depende un pouco do ano, pero regularmente, ata abril ou maio non sae. Ata que o viño non estea en condicións óptimas, sen ningún tipo de engadido, que é o que buscamos tamén ao ser totalmente artesanos: Que o viño se faga á nosa imaxe e semellanza.

Cales son os seus principais mercados?
Estamos vendendo nestes momentos en Austria, Suecia, Alemaña, Inglaterra, Estados Unidos... Un amplo abano. De feito, entre o 70 e o 80 % da nosa produción vaise para fóra de España. 

Pero a pesares desta aposta pola exportación, tamén se vende na comarca.
Si, na nosa zona tamén, pero non o que quixeramos, porque ao ser un viño artesano é moi difícil colocalo a un prezo que a nós nos saia algo rentable. Por iso buscamos o mercado exterior, onde si se valora o viño pola calidade e no tocante ao prezo, non son moi radicais. 

Cantos litros producen?
Estamos a elaborar entre 16.000 e 20.000 litros, con todas as nosas marcas. Tamén, aparte, vendemos algo de uva, porque queremos manter a calidade do viño e non perxudicala a costa de aumentar a cantidade. 

O Viño de Autor superou os vinte anos e presentáronse bos viños, foi dura a competencia?
Considero que si. Dentro do que vin na carpa, os viños que había foron dun nivel alto, excelente. Que pasa? O que dicimos sempre: Só hai tres vencedores... Do que estou convencido é de que estes viños que estiveron na carpa de Meaño hai que dalos a coñecer fóra, que é onde van coller o valor engadido que lle pertence.

Hai moito de tradición neste viño?
Tanto eu como miña muller somos a cuarta xeración de adegueiros. Nós iniciamos o proceso en Rías Baixas en 2001. Antes elaborábase viño, pero vendíase na casa, como se facía antigamente. Así que cando asumimos nós as viñas, o qe buscamos foi entrar na Denominación de Orixe para estar amparados por ela. 

E hai algún segredo para facer un bo viño?, que se poida dicir, claro
Sinceramente, é un segredo a voces. Nós creamos o viño desde o viñedo. A calidade do produto e o seu bo facer, empeza no viñedo. Nós somos viticultores e eu adícome exclusivamente e en corpo e alma a iso. Son unha persoa que me gusta moito o traballo de viticultor, é unha cousa que me encanta. E todo empeza aí: Dándolle moito amor ás viñas conseguimos que repercuta no cariño que nos da ela a nós, en forma de uva de calidade. E con uva de calidade, faise viño de calidade.

Por un erro na listaxe, onte publicouse una incorrecta relación dos premiados no Viño de Autor, que cómpre corrixir. O primeiro premio foi para este “Lagar de Candes”, de Eulogio Gondar; a prata para Pastora Besada, por “Casal de Flores”, e o bronce para Francisco Meis, con “O Forrollo”.

Eulogio Gondar: “O segredo para facer un bo viño é traballar a uva con cariño”

Te puede interesar