Oposición en tempos de pandemia

|

Despois de 36 anos, nas eleccións municipais de maio de 2019 a esquerda cambadesa conseguía a maioría absoluta. Abríase a oportunidade histórica de conformar un goberno municipal integrado polas distintas sensibilidades da esquerda local (PSOE, Somos Cambados e BNG). Sen embargo, non foi posible porque houbo quen preferiu, lexitimamente, quedar na oposición.

Desde hai 11 meses o goberno municipal, formado polo PSOE e Somos Cambados, está facendo fronte, nunhas condicións de precariedade de sobra coñecidas pola cidadanía cambadesa, a unha situación crítica desde o punto de vista económico, sanitario e social, que obriga a dedicar os máximos recursos posibles a axudar a aqueles que máis o necesitan. Así, este goberno bonificou as taxas munipais á hostelería e ao resto de empresas obrigadas a pechar pola pandemia, duplicou o gasto en servizos sociais acadando a cifra de 679.216,78 €, duplicou as bolsas aos estudantes con menos recursos, ou destinou o presuposto da Festa do Albariño a incrementar a limpeza e a desinfección dos centros de ensino públicos cambadeses.

Fronte a un goberno municipal centrado en paliar con moito esforzo e sen ningún tipo de axuda das outras Administracións Públicas os efectos devastadores da pandemia, a cidadanía cambadesa asiste incrédula ao espectáculo que están ofrecendo os dous principais grupos da oposición rivalizando por difundir a denuncia máis disparatada e esperpéntica. Velaí uns exemplos do PP: o mesmo día no que entraban en vigor as restricións motivadas polo avance da pandemia e milleiros de cambadeses temían polas consecuencias na súa saúde e na dos seus familiares, nos seus traballos e nos seus negocios, o líder do PP denunciaba que no paseo da Seca había unha táboa rota... Por non falar do ridículo da recente denuncia do asfaltado de Tragove nunha “performance” máis propia do célebre personaxe de Manquiña que do representante do principal grupo da oposición.

Pero non menos sorprendentes son as denuncias formuladas polo BNG nos últimos meses. Vexamos só algunhas delas: a programación da última Festa do Albariño promovía “o machismo e o botellón, e segue unha liña populista máis propia da Festa dos Mojitos”; a aparición da palabra “Aparcamiento” nun cartel foi denunciada nas súas redes sociais como pouco menos que unha ofensa ao idioma Galego; a tala de tres árbores en San Tomé que afectaban a varias vivendas e ao firme do paseo foi criticada sen ningún pudor polo responsable da tala de árbores na Pastora e no Pombal cando era concelleiro de Medio Ambiente; a presentación dunha moción do equipo de goberno para a promoción do idioma Galego entre a mocidade serviu para acusar de maneira infundada de “plaxio” ao voceiro de Somos Cambados; a música ambiental do Nadal tampouco foi do agrado dos nacionalistas que “unha vez pasado un tempo de análise constatamos a total falta de música en lingua galega”, sen reparar que a lista de cancións era a mesma que soaba cando o seu portavoz formaba parte do equipo de goberno; e hai apenas uns días denunciaban que a exitosa e unanimemente aclamada Aldea d@s Nen@s “dá una imaxe francamente mala do conxunto da praza”, que o seu deterioro afecta “ó firme da praza ca aparición de liques e verdello nas xuntas da pedra” e que dá una “impresión de abandono e improvisación”, instando ao goberno municipal “que a retire canto antes e termine coa imaxe de abandono que transmite”… O certo é que a súa retirada, prevista para mediados de xaneiro, foi adiada pola petición da asociación de Comerciantes de mantela unhas semanas máis para ambientar a zona; e posteriormente debido á adversidade meteorolóxica con ata oito alertas laranxas case consecutivas impediu o seu desmantelamento.

Esta é a oposición que temos.

Nuns tempos dramáticos de incerteza económica, sanitaria e social a prioridade de PP e BNG é rivalizar na difusión da ocurrencia máis singular. Pero non só nesto coinciden os dous grupos da oposición. PP e BNG tamén van collidos da man para privar ao equipo de goberno dunhas retribucións que compensen o tempo dedicado á xestión municipal. Abonado ao “canto peor, mellor”, nada nos sorprende de Aragunde, consciente de que a súa única esperanza política pasa pola caída do actual goberno municipal.

O que resulta paradóxico é ver como o voceiro nacionalista lle nega agora aos seus ex compañeiros de goberno o que con tanto énfase reclamaba nas negociacións para a formación do anterior goberno cuatripartito cando repetía constantemente que consideraba esencial e primordial unhas retribucións salariais dignas polo exercicio dun cargo público como acontecía nos países máis avanzados de Europa. E, daquela, conseguiuno: foille asignado un salario similar ao da alcaldesa.

Somos Cambados ten o firme propósito de cumprir co mandato da cidadanía cambadesa con ou sen salarios.

Alá aqueles que viñan a rexenerar a política cambadesa e acaban facéndolle o xogo á dereita local como simples muletas da estratexia de Luis Aragunde.

Oposición en tempos de pandemia