Teoría do Cisne Negro

Esa ave de plumaxe negra, da familia dos anátidos, co peteiro vermello agás a punta que é branca, deu pé e título a esta teoría de moda; en palabras de N. Taleb, o seu autor: “Cisne Negro (en maiúsculas) é un suceso con tres atributos. Primeiro, é un caso atípico ao atoparse fóra do ámbito das expectativas regulares, porque non hai nada no pasado que poda apuntar de maneira convincente a súa posibilidade. Segundo, supón un impacto extremo. Terceiro, para alén da súa condición rara, a natureza humana fai que inventemos logo explicacións a súa presenza, unha vez que sucede, polo que é explicábel e predicíbel”. Vén a conto da elección presidencial americana, parella no tempo ao Brexit e ao resultado negativo do referendo pola paz en Colombia.
Esta metáfora, da explicación a posteriori para algo contrario ao agardado, nace dunha curiosa evolución histórica da expresión latina “rara avis in terris nigroque simillima cygno”, que adaptamos á lingua galega como “ave rara na terra, moi semellante a un cisne negro” que para a xente da antigüidade non existía; ata que foi descuberta no século XVII na Australia. A partir dese momento é cando cobra o significado da teoría: O termo transforma da imposibilidade absoluta para mudar á explicación a posteriori do sucedido. Un “era sabido”, na nosa filosofía retranqueira.
É, por iso, que o trunfo do candidato republicano na elección americana; e, tamén os resultados dos referendos británico e colombiano, e en boa medida a previsión das eleccións españolas de carácter xeral significan unha manifesta derrota dos grandes medios de prensa dominantes e dos institutos dedicados a pulsar á opinión pública; e, consecuencia diso, das sondaxes publicadas con afirmacións de resultado categórico. Ao tempo, son sucesos que apuntan á liquidación da arquitectura da orde mundial construída após a Segunda Guerra Mundial, agora en mudanza substancial. As cartas do xogo, na política planetaria, volven a ser baralladas; comeza un nova partida. Entramos en territorio descoñecido, aquí pode pasar de todo. E iso ten unha explicación.
Pasou o que pasou, sabémolo todos; frase mítica na política galega que sentencia o asunto sen moito gasto na análise das causas. Tempo e regueiros de tinta haberá para afondar na cuestión. O expertos dos faladoiros de prensa andan pouco atinados na súa opinión. Ante todo, moita calma. Unha cousa é predicar e outra dar trigo; aínda que a superlúa sempre é mal augurio.

Teoría do Cisne Negro

Te puede interesar