Moraña pavimenta e ensancha un camiño en Rebón cunha subvención da Deputación

Moraña pavimenta e ensancha un camiño en Rebón cunha subvención da Deputación
Santos Héctor e Manue González visitaron as obras xunto a José Cela |

Un total de 2,5 Km de camiños rurais na parroquia morañesa de Rebón locen novo asfalto e condicións melloradas a través do investimento de 175.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra. Os deputados de Cooperación e investigación, Santos Héctor e Manuel González, xunto co alcalde José Cela, visitaron onte a zona e destacaron a decidida aposta polo rural da institución provincial, garantindo con actuacións como esta servizos de calidade que axudan a consolidar poboación.


As obras realizadas melloraron a rede de camiños garantindo, onde foi posible, unha anchura suficiente para o cruzamento de dous vehículos ou o paso de vehículos de emerxencias. En concreto actualizáronse os accesos ao núcleo de O Calvo, cun trazado dun Km; San Pedro de Rebón, case 800 metros e Rebón de Arriba, con outros 750 metros. En tódolos casos os anchos medios existentes oscilaban entre os 3,6 metros e os 4 metros. Tralas obras incorporáronse os sobreanchos dispoñibles en varios puntos. Ademais, as obras fixeron posible a pavimentación con lousa de granito do adro da igrexa románica de San Pedro de Rebón, que data do século XII.


Ferramenta útil

“Para nós é unha obsesión facer todo o posible por consolidar poboación no rural e vemos que con estas obras, ademais de arranxar os camiños de tres núcleos, recuperamos o adro desta preciosa igrexa de San Pedro”, destacou Santos Héctor.


O alcalde, José Cela, agradeceu a axuda da Deputación e tamén a fórmula de colaboración institucional cos municipios. “O Plan Concellos é unha ferramenta moi útil, porque permítenos investir onde nós creemos que é máis necesario”. No caso de Rebón, o rexedor destacou que favorecerá o asentamento da poboación neses núcleos.

Moraña pavimenta e ensancha un camiño en Rebón cunha subvención da Deputación

Te puede interesar