Vilaxoán chora... por Máximo Patiño

Ultimamente parece que non saimos delas. E a verdade é que é así. Nesta ocasión a nota luctuosa cae do lado de Vilaxoán, máis concretamente dunha das figuras máis importantes do dinamismo cultural e musical de toda a comarca de Arousa. Trátase do falecemento de Máximo Patiño Méndez, unha institución a tódolos niveis en Vilaxoán de Arousa, moi aprezado polo seu talante amable e conciliador e pola súa personalidade especial que facía que ningún obxectivo cultural parecera inalcanzable.
Co falecemento de Máximo Patiño péchase un capítulo moi importante na historia cultural e coral da comarca de Arousa moi significada e comprometida coa música popular, entendida como aquela feita por e para o pobo onde os veciños e veciñas sen coñecementos profesionais poidan disfrutar activamente da música como parte da súa paixón, formación e desenrolo persoal, intelectual e afectivo.
Non é unha esaxeración dicir que co falecemento de Máximo Patiño chora todo Vilaxoán, un pobo que se xunta en verán para cantar con forza, unido e ao unísono acompañado polo son especial e característico do arcodeón, maxistralmente executado durante moitos anos por “Manso”, e que supón un xesto único que engrandece tanto aos centos de veciños que participan como os seus principais promotores entre os que estaba, como non, o benquerido Máximo Patiño Méndez.
É certo que ninguén é imprescindible pero tampouco é menos verdade que todo o mundo é necesario, pero desde logo á hora de falar do movemento cultural, musical e sobre todo coral en Vilaxoán hai un nome que concita a admiración de todo o mundo e ese é o de Máximo Patiño quen impulsou, moitas veces contra vento e marea, a creación dunha agrupación coral que é orgullo dun pobo e símbolo dunha obra colectiva de impulso e empeño persoal que logrou superar todo tipo de obstáculos ata chegar ata os nosos días lucindo o maior dos esplendores.
Como proba de todo o anteriormente expresado é o inequívoco agradecemento procesado por tódolos compoñentes desa masa coral ao adoptar por unanimidade o nome do seu fundador, Máximo Patiño, como vitola de calidade.
Tristes datas estas nun Vilaxoán que, como toda Galicia, non se sacude este pertinaz inverno frío, gris e chuvioso que fai máis triste si cabe noticias como esta. So nos queda o consuelo de que alá onde vaia Máximo Patiño, sempre será “un son nacido do pobo” que non se cansará de dicir orgulloso aquelo de “sonche nacido en Vilaxoán”, ou non?

Vilaxoán chora... por Máximo Patiño

Te puede interesar