A figueira de Rosalía

Cantarte, hei, Galiza, na lingua galega, consolo dos males, alivio das penas”. O verso de Rosalía de Castro une, de xeito certeiro, a dupla celebración do seu Día, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, coa conmemoración apenas tres días antes do Día internacional da Lingua Materna. Dúas efemérides que veñen collendo pulo, no primeiro dos casos por iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a partir de 2010, propoñendo á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que veñen contando con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo. Velaí, dúas celebracións moi necesarias.


No caso da Lingua Materna, ese primeiro diálogo de berce que une ás nais e pais coas súas fillas ou fillos, a idea foi aprobada fai pouco tempo máis, na Conferencia Xeral da UNESCO de 1999, comezando o seu periplo ao ano seguinte. Esta organización mundial cre na importancia da diversidade cultural e lingüística como eixo vital para as sociedades sostibles. No marco do seu mandato en prol da paz, traballa para preservar as diferenzas de culturas e idiomas cos que, precisamente, se fomenta a tolerancia e o respecto aos demais. Iso é así, malia que a diversidade lingüística atópase cada vez máis ameazada cun maior número de linguas que desaparecen irreparabelmente, un xeito de empobrecer á humanidade non menor, senón todo contrario, que o problema causado ao equilibrio ecolóxico e medio ambiental coa desaparición das especies animais ou vexetais. O paralelismo é boa metáfora para botar un ollada á transcendencia dun auténtico estado de emerxencia que na súa estatística informa que cada dúas semanas, como media, unha lingua desaparece, levándose coa súa perda todo un patrimonio cultural e intelectual.



Luz vermella, alerta para o futuro do idioma galego que atopa novas vías para a súa defensa e acubillo social na autora de Follas Novas porque “ser Rosalía é un acto de rebeldía, é unha acción política. Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora de pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime.


Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar”. A inacción, cando non é puro desprezo, da autoridade responsábel en materia de política lingüística á hora de pular axeitadamente polo idioma propio, ten agora un símbolo reivindicativo coa plantación dunha “filla da figueira de Rosalía” (Miña terra, miña terra / terra onde me eu criei / hortiña que quero tanto / figueiriñas que plantei) no espazo do Parlamento galego instando a esta institucións representativa das galegas e dos galegos a declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro e, con ese motivo, á realización de actividades de divulgación da obra da escritora e, tamén, de promoción do idioma galego. A lingua materna. 


A figueira de Rosalía

Te puede interesar