A violencia nunca é o camiño

Ningún dereito, por moi relevante que sexa, pode defenderse con violencia e a liberdade de expresión non é unha excepción. Nunha democracia plena como a nosa, as ferramentas do Estado de Dereito, coa Constitución á cabeza, velan e amparan os dereitos fundamentais de todos os cidadáns. Por este motivo, a violencia non é admisible.


Non se pode confundir o debate sobre a liberdade de expresión con defender a un energúmeno como Hasél. Non se pode amparar o vandalismo e a violencia, e moito menos facelo dende posicións de goberno, como fixeron destacados dirixentes de Unidas Podemos nos pasados días.


É lexítimo que dentro dun goberno de coalición haxa diferentes posicións o que é inadmisible é o amparo á violencia, á intimidación de xornalistas e medios de comunicación ou aos disturbios nas rúas co pretexto de defender a un individuo que en ningún caso pode ser o paradigma da liberdade de expresión.


Non é certo que o condenen a cárcere por unhas coplas como algúns intentaron explicar, nin por tuitear nin por cantar. O condenan por calumnias, inxurias, enaltecemento do terrorismo e por ter antecedentes penais, sendo reincidente, primeiro agredindo a un xornalista e despois a unha testemuña nun xuízo.


O debate na nosa democracia non pode ser o de liberdade de expresión si ou non, xa que este dereito está plenamente garantido. Nesta situación concreta, o debate pode radicar en se a dimensión das penas, polas inxurias cometidas, é ou non proporcionada. En todo caso a violencia non pode ser nunca o camiño para expor esta discusión nin para defender ningunha reivindicación, ningunha causa.


En democracia pódese discutir calquera avance na lexislación, pero con dúas condicións irrenunciables: a primeira, que a maioría da sociedade o avale e a segunda, que se efectúe sen violencia.


Estou seguro que a inmensa maioría da sociedade condena os actos violentos producidos nos últimos días, que non se poden aceptar de ningunha maneira. E moito menos pode existir cara a eles conivencia de formacións políticas cuxos membros ocupan, nestes momentos, cargos con responsabilidades públicas. Ao asumir formar parte dun Goberno, as actitudes e declaracións deixan de ser individuais para representar a todo o Executivo e a todos os cidadáns. Por tanto, con independencia das opinións persoais de cada un, débese actuar e responder conforme ao cargo que se representa e é inadmisible apoiar ou alentar actitudes violentas.


Ningún partido político pode tratar de defender na nosa democracia que a violencia duns está máis xustificada que a doutros. Nin os escraches a Soraya Sáenz de Santamaría en 2013 nin os escraches a Pablo Manuel Iglesias Turrión en 2019 se poden xustificar, as varas de medir non poder ser diferentes dependendo da cor política, a violencia nunca pode xustificarse veña de quen veña nin sexa cal for a súa finalidade.

A violencia nunca é o camiño

Te puede interesar