O faro de Arealonga

O faro de Arealonga nada ten a ver coa toponimia local vilagarciá. Non, e título dunha obra narrativa de Uxía Casal, unha engaiolante novela de intriga e suspense, na liña das mellores obras da actual ficción, publicada no comezo do actual milenio, catro quinquenios atrás xa, que permite abordar como símbolo senlleiro a reivindicacións das mulleres no ámbito das letras galegas xusto cando se conmemora un novo Día Internacional da Muller Traballadora, ou da Muller para simplificar, chamadas a facerse valer coa visibilidade nas rúas de prazas do país porque os dereitos non poden ficar confinados, e teñen toda a lexitimidade moral, política e tamén legal de exixir medidas reais contra a precariedade laboral e do conxunto das condicións de vida, tanto no ámbito do traballo como no sa saúde, no económico e social derivadas desta crise acentuada pola pandemia mundial do contaxio vírico. É tempo de poñer foco, facer que a luz dese faro metafórico, acenda as cores de emerxencia sobre a explotación extrema, a precariedade das mozas que intentan acceder ao emprego, a das mulleres que suman moreas de contratos a tempo parcial e de curta duración, a das condicións e abusos en distintos sectores de actividade laboral; e, tamén, a situación das que tiveron que renunciar a salarios por ter que coidar da súa familia. Agravio e desigualdade que suma o despedimento oportunista que se cebou sobre as mulleres co pretexto da crise sanitaria, datos que levan a marcar os niveis de paro máximo que vén de sinalar a última Enquisa de Poboación Activa, na estatística estatal e galega. Máis aínda, as mulleres son as que lideran os prexuízos da fenda dixital e diso que coñecemos negativamente polo “analfabetismo electrónico”, eiva á hora de acceder ás axudas e prestacións tramitadas en rede.


Así e todo, ese faro de Arealonga é metáfora do papel protagonista que corresponde á muller, agora trasladado ao recoñecemento que para a súa autora, obviamente pola traxectoria literaria que achega un feixe extenso de obra propia ou compartida, á hora de ser escollida para ser a Nosa Señora das Letras nese alternativo Día das Galegas nas Letras que vén organizando o colectivo feminino A Sega, fundado para “buscar celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular”. Unha iniciativa de reivindicación e denuncia porque “hai quen senta e observa mentres outros tentan dicirnos quen son dignos e non son dignas de entrar no concepto que temos de literatura de país. Hai quen se laia, hai que concorda, hai que simplemente nin atende. E logo estamos as que collemos o fouciño, arremangamos as mangas e botamos o sombreiro ancho para saír de seitura”. A segar de raíz.


Letras de mulleres que xa viron transformada a súa previa conmemoración en posterior escolla da RAG para a gran cita das Letras Galegas, caso de María Vitoria Moreno ou a próxima neste atípico ano en curso, Xela Arias, que ven estrear a Primavera das Letras. Faros de luz e futuro.

O faro de Arealonga

Te puede interesar