C​ando o taboleiro cambalea sempre caen as mesmas pezas

Un ano máis chega o 8M, un día para reivindicarnos, empoderanos e, por que non, volver berrar as esixencias históricas non superadas. Desta volta coa vicisitude de estarmos baixo alerta sanitaria.

Nestes días previos, foron moitas as voces preocupadas ante a dúbida de se habería convocatoria de folgas ou manifestacións, públicas e colectivas, en repulsa das múltiplas formas de violencia e inxustiza do heteropatriarcado. Quizais as convocatorias a este respecto, por quen estamos acostumadas a esperalas, demoraron demasiado por causa das medidas burocráticas de profilaxe pandémica.


No medio destas persoas espectantes, aquelas outras que cos seus “coa que está caendo non vexo a oportunidade” poñen en xaque e desmobilizan sen argumento a quen entendeu sempre que o machismo estrututal é a verdadeira pandemia, e que ningún goberno no mundo ingresará cantidades millonarias a ningunha empresa que observe, investigue, actúe e ofreza unha solución. Esta pandemia, porén, leva séculos matando.


As que si están caendo arreo son as mulleres asasinadas; a pandemia non deu tregua, e nin a violencia machista nin a fenda laboral se confinaron. En efecto, a responsabilidade de conciliar -que volve recaer sobre as mulleres, ao igual que os coidados- ponse de manifesto, aínda máis se cabe, coa COVID-19; e pensemos agora no noso ámbito rural, onde a falta de infraestruturas e medios agrava a desprotección.


Se non chegaba con moralistas, non faltaron tampouco paternalismos, instrucións e consellos de como unha debe concorrer a unha manifestación feminista. Podemos ocupar a rúa para reclamar o café das seis, ocupar pavillóns para escoitar a Raphael, incluso para facer apoloxía do fascismo... Mais que nin se nos ocorra xuntarnos para berrar pola igualdade!, que é berrar por un dereito de toda a humanidade. 


Non queren entender que somos maiores de idade, e contra este paternalismo afectado REBELÁMONOS.

Non haberá medidas que restrinxan e freen a loita para transformar unha sociedade patriarcal inxusta nunha sociedade real e verdadeiramente igualitaria.


Cando o taboleiro cambalea sempre caen as mesmas pezas. Mais xa non caemos. E se caemos levantámonos; levantámonos nós mesmas, levantámonos unhas ás outras, e seguimos. Lembremos: tamén son sempre as mesmas pezas as que inician a revolución e mudan a sociedade.

C​ando o taboleiro cambalea sempre caen as mesmas pezas

Te puede interesar