Féminas en Acción

Desde a Asociación de Mulleres “Féminas en acción”, de Vilanova de Arousa, queremos agradecer esta oportunidade que se nos brinda para expresar as ideas que queremos defender en favor das mulleres e a igualdade entre xéneros.


Esta asociación nace coa idea de encher un oco que cremos necesario en Vilanova e arredores.

O noso obxectivo primordial é conseguir a igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos: social, laboral e persoal, así como concienciar e dar valor e poder á muller que é dona da súa vida e a ninguén lle pertence, máis que a si mesma.


Somos un grupo de mulleres que botamos en falta o apoio, a información e a solidariedade cara a diversos colectivos vulnerables como son as mulleres maltratadas por violencia de xénero, as mulleres emigrantes, con adiccións, o acoso laboral, mulleres con problemas económicos e dependentes dos seus maridos.


Nun pobo pequeno como é Vilanova e a maioría do Salnés, perdura o “cabeza de familia”, que segue sendo o home, sobre todo no rural. A muller é a que tenta conciliar a familia e o traballo, si, pode ser considerada “matriarca”, á conta da súa dobre xornada: laboral, doméstica, traballo no campo. Aínda que é certo que as novas xeracións son educadas sen tantos roles por razón de xénero, aínda persiste a idea da muller como gardiá (guardiana) do fogar e o home como protector económico da familia. Para promover e dar visibilidade ás mulleres traballadoras, realizamos desde a nosa asociación unha campaña virtual en redes sociais, Facebook, Instagram e Twitter, con motivo do día da Muller, o 8M.


Decidimos facer unha pequena homenaxe ás nosas veciñas do pobo e arredores, dar valor aos seus traballos, calquera que sexa e visibilizar o papel tan importante que ten a muller, económica e socialmente, así como destacar as súas habilidades, moitas veces escondidas e deixadas “para despois”, porque primeiro é a familia, fillas e fillos. Algunhas son empresarias, empregadas, autónomas, traballadoras, pero sobre todo son mulleres concienciadas, proactivas, valentes e e benqueridas.


A todas elas noso maior agradecemento.

Féminas en Acción

Te puede interesar