David G. Plats | “O inicio do libro fala de min, pero evoluciona en todo o contrario”

David G. Plats | “O inicio do libro fala de min, pero evoluciona en todo o contrario”
David González Plats é o autor a novela “O soño da distopía” que se presenta hoxe no Salón García | cedida

Ten 37 anos e é de Vilaxoán e foi xusto antes da pandemia cando rematou e publicou o seu primeiro libro, “O soño da distopía”. A pandemia, o confinamento e todo o que veu detrás parou todo tipo de promoción ou presentación e hoxe chega ao Salón García para falar do porqué da súa novela e do que dentro dela o lector pode atopar.


É a túa primeira novela, pero supoño que a túa relación cos libros vén de lonxe...

Sempre me gustou ler e son unha persoa moi curiosa que me fago preguntas por todo, tamén un pouco idealista. Tiña varias ideas soltas e facía anotacións. Todo iso foise facendo un pouco máis grande e chegou a ser o que hoxe é a novela.


Digamos entón que non había unha idea concreta de base...

A ver, o inicio do libro vén determinado por un cambio na miña maneira de pensar, de ver a vida. De feito o principio do libro fala de min, pero evoluciona cunha personaxe que nada, pero nada, ten que ver conmigo. A historia vai sobre unha personaxe que xa ao principio monta un partido político. Iso si, non é unha novela de personaxe, senón de historia. Fala sobre o capitalismo levado ao seu máximo extremo. Que pasaría se levásemos ao extremo a propiedade privada? A donde nos levaría?


O título, “O soño da distopía”, aventura un pouco o xénero que manexas. É efectivamente unha distopía?

Non, non é unha distopía, aínda que os acontecementos sorprenden. Fala máis ben da contraintuición, é un xogo. O título de feito chegou moito máis tarde que o resto da novela. O que fai o libro é tentar reflexionar sobre cuestions sobre as que se está falando moito en redes como son o auxe do movemento libertario. Digamos que intento que o lector reflexione e analice. A historia cóntase a través da personaxe que vai falando do que pode acontecer nun futuro a medida que a sociedade avanza e que vai collendo un cariz bastante particular.


É a primeira incursión literaria como escritor e non sei se todo este tempo de pandemia e confinamento te animou a empezar algunha cousa máis...


Eu acabei xusto a novela antes desta pandemia e parei con ela. Agora, supoño que como todo o mundo, empezo a levantar algo a cabeza. Iso si, lin moitísimo. Empecei un pequeno bocexo pero a ver como evoluciona. 

David G. Plats | “O inicio do libro fala de min, pero evoluciona en todo o contrario”

Te puede interesar