Santa Rita trae de volta os directos de música máis “nosa”

Santa Rita trae de volta os directos de música máis “nosa”
O alcalde, Alberto Varela, e a edil de Cultura, Sonia Outón, presentaron o programa de festas | gonzalo salgado

Tras un parón obrigado pola situación da pandemia, as festas de Santa Rita regresan aos concertos en vivo, aínda que con todas as precaucacións necesarias. Será ademáis un cartel no que a música local e a tradicional galega serán as grandes protagonistas, para honrar a santa que, sin ser a patroa do municipio, exerce case coma tal.


O carácter romeiro das festas de Santa Rita recupérase con pasarrúas desde o xoves 20 ata o domingo 23. A Asociación Cultural Brisas do Río Ulla, os Trasnos de Guillán, Mocedade da Torre, o Grupo de Gaitas do Centro Cultural Deporitivo Santa Plácida, A Nosa Señora da Xunqueira e Os Xirifeiros serán os encargados de encher de ambiente a localidade, xunto ás rosquilleiras.


Os concertos comezarán o venres no Auditorio, co estreno da Banda de Cámara Auditorio, dirixida por Santiago Fontes. Será a presentación deste proxecto, con membros da banda e unha proposta de música clásica, con obras de Hayden, Beethoven ou Verdi, entre outros. Será a partir das oito da tarde.


O domingo, día grande das festas ao ser Santa Rita, haberá música por partida doble. O mozo Joel Padín encargarase da “sesión vermú” na Praza da II República, a partir das 12:30. A edil de Cultura, Sonia Outón, recordou que na presentación do seu disco, a principios de ano, xa se falou da posibilidade de presentalo ao público. “Que mellor momento para estrear o directo”, apuntou a edil.


Xa pola noitiña, ás nove e no mesmo escenario, será o turno de Silvia Penide, que en 2020 acadou o seu segundo premio Martín Codax da Música Galega e que está a presentar o seu oitavo traballo discográfico, “Los días de plomo”.


Tamén na Praza da II República, pero o domingo 23, ás 19 horas, terá lugar o V Encontro Folclórico Santa Rita, que regresa tras o parón pandémico con catro grupos da casa: Mar da Arousa, de Bamio; Nós de Sobradelo; O Souto de Rubiáns e Embruxo de Guillán. “Queremos axudalos tamén. Para todos é a súa primeira actuación” tras o estallido da pandemia, explicou a edil de Cultura.


Todos os espectáculos son gratuitos, pero para garantir o protocolo covid é preciso a reserva previa, que se pode facer na web woutick.es. O aforo é de 210 prazas e o máximo de entradas a coller por unha persoa é de catro. O público deberá estar media hora antes de que comece a actuación. Tamén haberá unha actividade para os máis cativos: Festivaliño on the road. Son sesións de cine de 30 minutos, adaptadas ás idades dos participantes, e as reservas deben facerse na web.


Misas ao aire libre

O entorno de Vista Alegre será un escenario tradicional da festa. No convento terán lugar as misas, algunhas das cales se celebrarán ao aire libre. O Concello colaborou no acondicionamento do recinto axardinado para este fin e tamén colaborará no dispositivo de emerxencias para evitar aglomeracións, xa que as misas serán con aforo limitado e venta de entradas, ao igual que o ano pasado. Nas proximidades, no xardín de A Xunqueira, terá lugar a Feira Celta, con postos artesans nos que este ano faltarán os de alimentación.


O alcalde, Alberto Varela, pediu a colaboración de todos para que as festas se vivan con tranquilidade e seguridade. “A situación vai evolucionando moi despacio. Non nos permite facer festas como nos gustaría”, dixo o rexedor, que incidiu en que as actividades seguirán todos os protocolos marcados para facer fronte ao virus, con precintos e medidas de hixiene e distancia de seguridade. “Pedimos a colaboración e responsabilidade de todos para non ver escenas que non queremos que se vexa”, recalcou Varela. Palabras que secundou Sonia Outón. “Que Santa Rita non serva de pretexto para actos incívicos”, asegurou a edil, que destacou o bo comportamento do público nas actividades culturais.

Santa Rita trae de volta os directos de música máis “nosa”

Te puede interesar