Os anos das loitas obreiras e da crise económica

Os anos das loitas obreiras e da crise económica

 
A conflitividade social marcou a actualidade en Arousa durante os anos 2011-2012. Os recortes sociais derivados da crise económica que levou por diante miles de postos de traballo deixou un panorama desolador do que non se salvou ningún sector. Entre os máis afectados, o da conserva. As loitas obreiras de Alfageme e Cuca aínda perduran na memoria, non só pola súa contundencia, senón pola súa perseveranza e porque as reivindicacións eran de xustiza.


As operarias de Alfageme mantiveron viva a loita durante meses e meses nun exercicio de resistencia que lles valeu o aplauso solidario arousán, pero que finalmente non tivo o final esperado por todos os condicionantes que tiña reflotar a empresa ou que outro grupo conserveiro o adquirise. Todas as xestións neste sentido fracasaron mentres o persoal concentrábase ante as portas de todas as administracións e mantiña peches na fábrica e mesmo en Ravella. Nesa época comezou tamén a mobilización en Cuca contra o peche da fábrica de Vilaxoán. As traballadoras contaron co apoio decidido de todo o pobo e os veciños sumáronse ao calendario de mobilizacións que posteriormente non serviron para cambiar as intencións da empresa, aínda que si para abrir un debate, que aínda perdura, sobre a perda do tecido industrial en Vilagarcía.


Non menos intensa foi a pelexa de Clesa, propiedade da familia Ruiz Mateos, que entrou en suspensión de pagos. O peche era unha ameaza real e outra vez a unión de traballadores, institucións e veciños permitiu que ao final Acolact, con capital cento por cento galego, comprase a compañía.


O bienio 2011-2012 estivo marcado polas consecuencias sociais da crise económica que levou por diante miles de postos de traballo e deu pé a loitas obreiras como as de Alfageme, Cuca ou Clesa


Todo este caldo de cultivo derivou na convocatoria dunha folga xeral que tivo un seguimento masivo e aínda maior foi a participación na manifestación central na que máis de 15.000 persoas percorreron as rúas de Vilagarcía para protestar polos recortes.


E para conflitos o protagonizado polos afectados das preferentes. Na comarca estalou nun banco de A Illa de Arousa cando un veciño, aburado pola situación económica, reclamaba o seu diñeiro. A partir de aí foron aparecendo máis damnificados en toda Arousa e o resto de Galicia, que conformarían unha plataforma que protagonizou sonoras mobilizacións alá onde había un político ao que facían responsable da súa situación e ao que esixían solucións. De feito máis de 5.000 preferentistas, como así se lles chamou, encheron de cores das súas camisetas Sanxenxo nunha demostración da súa capacidade mobilizadora.


Como non había diñeiro público, os investimentos das administracións en infraestruturas brillaron pola súa ausencia nesa época, pero onde si houbo unha actividade frenética foi na política. Destacaron as crises do PP, coa loita encarnizada por presidir o partido en Vilagarcía e na mesma cidade o PSOE non quedou á zaga coa elección de Carlos Guerrero como candidato e a súa renuncia semanas antes da cita que motivaron que Modesto Pose tomase as rendas para medirse a un Tomás Fole eufórico tras gañar o congreso. Os populares fixéronse coa Alcaldía e coa estabilidade meses despois coa integración de IVIL, a inclusión de Cholo Dorgambide no goberno local e o regreso de Rivera Mallo ao Senado.


O conflito das preferentes estalou nun banco de A Illa e demostrou toda a súa forza nunha gran concentración en Sanxenxo


En Sanxenxo venceu Catalina González, que contou co apoio de VIPS, e en O Grove o popular Miguel Pérez aliouse co PGD e Ameca.


O resultado das eleccións conlevou a asunción de responsabilidades como a dimisión de Modesto Pose, que Marta Rodríguez deixase a política municipal para dedicarse á autonómica, a dimisión de Luís Garrigós e máis tarde a do seu substituto, Fran González.


Este bienio foi triste tamén entre a clase política. Galegos e arousáns choraron as mortes de Manuel Fraga, Carlos Berride, Rafael Blanco ou Jorge Domínguez.


O capítulo de sucesos tamén foi prolífico, moitos deles terribles traxedias como a ocorrida en Guillán, en Vilagarcía, onde unha discusión familiar entre dous irmáns acabou coa morte dun deles. Desgraciadamente non faltaron os axustes de contas como de Adolfo Chantada, que recibiu tres balazos ou o incendio intencionado dunha nave de Pelopincho relacionada, supostamente, cunha débeda por narcotráfico. Neste punto destaca a operación que permitiu incautar 3.500 quilos de cocaína a bordo do “Ratonero”, un pesqueiro con base en O Grove, e tamén foi a época na que Laureano Oubiña saíu de prisión tras 22 anos de condena, os últimos once de maneira continuada.


Mentres, unha onda de roubos en Vilagarcía mobilizaba ao comercio para demandar solucións e en Valga unha hostaleira tivo que ver como tres encapuchados a encañonaban para levar a recadación do día. Nestes dous anos houbo accidentes de tráfico con vítimas mortais no faro de Corrubedo e en pleno centro de Vilagarcía.
No sector do mar destacou o conflito polos permisos de marisqueo do colectivo Lazareto en Carril. 

Protagonizaron mobilizacións e boicots ás poxas ata que conseguiron os pérmex. A mala noticia produciuse en noiteboa cun accidente marítimo no que faleceu o práctico do porto de Vilagarcía.

Os anos das loitas obreiras e da crise económica

Te puede interesar