A Intermodal, do dito ao feito

Pasar das palabras aos feitos é o que supón a sinatura do convenio entre o Concello da Coruña, a Xunta e Goberno de España para facer posible, agora sí, a construción e posta en marcha da estación intermodal da Coruña.


O convenio que posibilitará a súa construción supón a posta en marcha dun investimento que superará os 80 millóns de euros e permitirá non só unha mellora substancial na mobilidade na Coruña e a súa contorna, senón a renovación parcial dunha zona da cidade, a da Sardiñeira e Os Maios, que precisaba de actuacións para a súa actualización. 


A construción da intermodal é unha proba máis do liderado de Inés Rey como alcaldesa da Coruña, que fai que a cidade avance a través da cooperación institucional, entendéndose con gobernos de cores políticas diferentes e poñendo por diante os intereses das coruñesas e coruñeses.


Tamén é destacable o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa Coruña, sobre todo si se compara co anterior goberno presidido por Mariano Rajoy, que desde 2012 ata xuño de 2018 non abordou con decisión ningún dos problemas que tivo sobre a mesa. Dúas respostas diferentes aos mesmos problemas. O contraste vese cos feitos concretos: o acordo para licitar o tren a punta Langosteira, a licitación do saneamento da ría do Burgo, a pasarela de Pedralonga, o estudio da ampliación da ponte Pasaxe, a subvención de máis de 11 millón de euros para eficiencia enerxética e agora o convenio para a construción da estación intermodal da Coruña. 


A nova estación facilitará a interconexión entre medios de transporte público, xuntando nun só espazo o servizo ferroviario e o transporte en autobús. Será, ademais, a porta de chegada do AVE á Coruña, o que suporá unha redefinición das viaxes de curto e medio radio, con máis oportunidades de mobilidade para o medio millón de cidadáns que habitan A Coruña e o seu cinto metropolitano. Será, pois, un elemento central na nova mobilidade, máis amable e eficiente e será tamén unha peza esencial no redeseño dun barrio. 


A renovación das instalacións ferroviarias é un dos eixos do actual mandato municipal, xa que a construción do tren a Langosteira (mercadorías) súmase á intermodal (pasaxeiros). Probablemente moi poucos alcaldes mobilizaron tantos recursos en tan pouco tempo como Inés Rey na Coruña nos dous primeiros anos do mandato, anos nos que o diálogo permitiu superar os 700 millóns de euros en investimentos comprometidos tanto pola Xunta como polo Estado. 


Na consecución destes investimentos ferroviarios cabe destacar o importante papel que está xogando a presidenta do ADIF, a enxeñeira galega Isabel Pardo de Vera. Sen a súa decidida implicación e profesionalidade, non sería posible que hoxe falemos das estación intermodais en moitas cidades de Galicia. Para mostra un botón: Santiago de Compostela, que vén de ser inaugurada leva o seu selo persoal. Na Coruña, agora sí, tamén se albisca, ao fondo, a estación. A estación intermodal.

A Intermodal, do dito ao feito

Te puede interesar