PSOE e Podemos contra o autogoberno galego

O Congreso dos Deputados ven de aprobar o proxecto de lei contra a fraude fiscal que penaliza no IRPF as vendas dos bens que recebimos dos nosos ascendentes ou cónxuxes a medio de pactos sucesorios se as facemos antes da morte das persoas que nolos transmitiron. Deste xeito haberíamos pagar como incremento patrimonial no IRPF pola diferenza entre o prezo polo que vendemos e polo que adquiriu o noso pai ou avo, no canto de facelo polo valor consignado no pacto sucesorio.

A reforma atenta contra un principio básico da propia lei do IRPF: que non sexan gravados no IRPF feitos impoñíbeis xa gravados noutro Imposto, como neste caso o de Sucesións. Porque someter a unha dupla imposición este suposto incremento patrimonial, ademáis de atentar contra este principios esencial do IRPF vulnera o artigo 31 da Constitución, en canto trata diferente a quen adquire por negocio xurídico sucesorio entre vivos e a quen adquire por causa de morte, contra o que dispón o Dereito Civil galego, que é quen determina os feitos impoñíbeis para os efectos fiscais.

Até hai poucos anos a Axencia Tributaria obrigaba tributar por incremento patrimonial no IRPF ás persoas que transmitían os seus bens ás descendentes ou cónxuxes a medio de pactos sucesorios, aplicando a norma das doazóns e descoñecendo a plena aplicabilidade do Dereito galego, que recoñece a posibilidade de transmitir bens en vida (descoñecida no Dereito Civil estatal) e suxeita esta transmisión sob a norma fiscal da sucesión no canto da norma fiscal da doazón. O traballo do Despacho que dirixo, en coordinación coa Asesoría Bieito de Ourense, foi determinante para que, primeiro o TSXGa e, despois, a decisiva sentenza do Supremo determinasen que os pactos sucesorios non eran doazóns e que as persoas transmitentes dos bens obxecto de mellora ou apartación non pagarían por incremento patrimonial no IRPF. Mais agora, partindo dunha desaquelada presunción de fraude, preténdese facer pagar por incremento patrimonial no IRPF a quen venda un ben en vida da persoa que llelo transmitiu por pacto sucesorio , o que supón unha emenda á totalidade á autonomía lexislativa do noso país. Porque temos autogoberno abondo para definir as consecuencias xurídicas do noso Dereito Civil e máis a súa fiscalidade sucesoria. A agresión ao autogoberno galego é moi grave, porque na práctica trátase de inviabilizar o dereito que temos de recebir a nosa herdanza en vida e actuar como donos dende o primeiro momento. Latexa ese espirito xacobino da esquerda española, que desconfía da pluralidade lexislativa das distintas nacións que compoñen a irresolta plurinacionalidade española.

Rematamos preguntándonos, canda Julio Iglesias, esgrevio xurista e alcalde de Ares: u-la opinión do PSdeG?

PSOE e Podemos contra o autogoberno galego

Te puede interesar