Jesús López | “Ogallá a esquerda se una, pero para iso hai que ser sinceros e estar por encima de nomes e siglas”

Jesús López | “Ogallá a esquerda se una, pero para iso hai que ser sinceros e estar por encima de nomes e siglas”
Jesús López deixa a súa acta como concelleiro de En Común na Corporación de Vilagarcía | Gonzalo Salgado



EX PORTAVOZ DE VILAGARCÍA EN COMÚN   Jesús López di adeus á primeira liña da política local despois de seis intensos anos na Corporación dos que analiza luces e sombras e que abandona por motivos persoais e laborais



Foi a cara visible dun dos conflitos laborais máis destacados das últimas décadas na cidade, o de Lantero, e hai seis anos daba o paso á primeira liña política como candidato á Alcaldía por Esquerda Unida. Obtivo tres concelleiros e ese primeiro mandato estivo marcado pola escisión dentro do grupo municipal, un dos momentos máis difíciles que tivo que pasar no seu cargo. Tentou unha fusión da esquerda máis rupturista nos comicios do 2019, pero a idea non acabou de callar e finalmente foi cabeza de lista por Vilagarcía En Común. Jesús López deixa a Corporación por motivos persoais e, sobre todo, laborais.



Chegou á Corporación con moita experiencia no ámbito sindical, pero ningunha na política. Era o que esperaba?
Un pouco si. Sabía que en todo os ámbitos nos que coinciden persoas con ideas diferentes as cousas funcionan desta maneira. Iso si, hei de dicir que esperaba máis facilidades por parte de quen ostenta a mando do Concello para que aqueles que compatibilizamos a política co traballo o tivesemos máis sinxelo.



O seu primeiro mandato na Corporación e prodúcese unha ruptura do grupo municipal cando Miguel Álves decide empezar a votar por libre... Foi ese o peor momento que recorda destes seis anos?
A verdade que se pasou moi mal. Cando un chega a estas funcións espera que precisamente aqueles que te animaron a presentarse te apoien e te axuden e, neste caso, foi todo o contrario. Foi un momento moi díficil no que incluso cheguei a pensar se pagaba a pena continuar ou non. Como non son dos que tiran facilmente a toalla seguín adiante ata que a situación se resolveu polos cauces que tiña que resolverse.



Supoño que era difícil chegar a un Pleno e non saber o que ía votar o compañeiro do lado...
Moi complicado porque a comunicación estaba rota. Nós sempre tiñamos o programa electoral como base e sabiamos que iso era o que tiñamos que seguir e defender.



No 2019 e despois dun mandato intenso EU dou un paso atrás á hora de presentarse coas súas siglas e naceu En Común. Foron unha decepción os resultados obtidos?
Decepción tampouco. Si que contabamos con sacar máis apoios, non o imos negar. Cando nos presentamos intentamos convencer co noso proxecto. O problema non foi só que o PSOE estivese en alza a todos os niveis, senón que nós competiamos con outra formación que buscaba votos exactamente no mesmo sitio. Ese voto da esquerda reparteuse entre as dúas mocións e tal e como se aplica a Lei Dont pois perxudicounos ao final.

Dúas formacións -En Común e Marea da Vila- pescando no mesmo banco de votos porque non se chegou a acordo. Será posible algún día?
Eu espero que si, pero tamén teño claro que ten que ser unha unión sincera e non baseada na imposición de nomes ou modos. No seu momento houbo unha serie de discrepancias e non se respetaban os acordos. Eu sempre me mostrei disposto a que exista esa unión, pero a clave está en deixar de pensar en clave de siglas e estratexia porque no ámbito local alomenos esa estratexia ao que debe ser enfocada é a mellorar a vida dos cidadáns.



Queda algunha cousa pendente que lle gustaría que se tivese executado neste tempo?
Moitísimas. No anterior mandato tanto as iniciativas presentadas por EU como por Somos sumaban arredor de 40. Eran cousas encamiñadas a mellorar a participación veciñal e que non supoñían ningún desembolso económico, como podía ser o Consello Local da Cultura. Todo iso, pese a terse aprobado por unanimidade no seu día, quedou sen executar o que só pode responder á falta de vontade. Tamén me queda a espiña de non lograr que se aplique a Lei da Memoria Histórica ou que non se fagan máis cousas pola accesibilidade. Fanse, pero moi lentamente. Dende logo nós preferimos iso a unha piscina de auga salada ao lado da auga salada.



Marcha vostede e volve Juan Fajardo, un vello coñecedor da política local vilagarcián. É o regreso ás siglas de EU de novo?
Eu penso que as siglas de EU foron moi agradecidas nesta etapa de En Común, que se nutriu basicamente dos seus afiliados. Este regreso é a dunha persoa que representa a experiencia e que só pode traer algo positivo. 

Jesús López | “Ogallá a esquerda se una, pero para iso hai que ser sinceros e estar por encima de nomes e siglas”

Te puede interesar