A memoria de Cabanillas, dende onte e para sempre en Cambados

A memoria de Cabanillas, dende onte e para sempre en Cambados
O Paseo da Calzada volveu onte parcialmente á vida para acoller a estrea do Museo que a vila dedica ao Poeta da Raza | g. salgado

Sol de comezo de verán, son de gaitas. Espírito de festa nova, alí onde só ficaban xa ecos e recordos de tanta ledicia e viño antes da longa noite de inverno e pandemia. O Paseo da Calzada espertaba onte á vida. A unha normalidade aínda con adxectivo diante. Nova oportunidade trala caída de contaxios que adiou a apertura do Museo que a Ramón Cabanillas lle debía o seu Cambados natal. A demora deu pulo á cerimonia de inauguración, porque a fixo coincidir co 145 aniversario do nacemento do bardo.

O Museo Ramón Cabanillas - Poeta Galego inaugurouse onte na súa vila natal, grazas ás doazóns e colaboracións da familia, academias e fundacións. A institución abre todos os días para saldar unha débeda histórica co bardo de Fefiñáns que relanzou a poesía galega no século XX.

Á súa neta, Pitusa Vidal Cabanillas, tremíalle a alma neste xoves de xuño cando concluíu “eu xa cheguei a onde tiña que ir”. O destino que a esperaba non foi outro que o seu empeño por que os obxectos, correspondencia, primeiras edicións, dedicatorias, fotografías e demais material do seu avó non rematasen na Cidade da Cultura ou no Museo de Pontevedra. Misión cumplida. A memoria de Ramón Cabanillas queda dende onte e por sempre asegurada no seu berce, na vila onde cando a fama do poeta trascendeu cruzando o océano preguntaban que era un vate. Isto e moito máis puxo onte na memoria de todos Francisco Fernández Rei, cambadés membro do plenario da Real Academia Galega que nun emocionado discurso gabou a figura do homenaxeado, mais tamén a de todos os que traballaron por que este Museo nacese aquí.


Dende o deseñador e director da instalación en Exposalnés, Pepe Barro, á propia Pitusa, á familia Pillado Silvoso, Museo de Pontevedra, RAG, fundacións Penzol, Rosalía de Castro, Barrié, arquivos de Abanca e Pacheco ou a Real Academia Galega de Belas Artes. Todos eles son colaboradores ou depositarios dos materiais que calquera pode admirar dende xa neste edificio.


O recordo especial, unánime, foi sen embargo a Luis Rei, o impulsor de todo. Aquel que un día chegou á casa de Pitusa para pregarlle que lle contase cousas do seu avó, co gallo de facer un libro. O interese de Rei, primeiro, de Fernández Rei, despois, e da declaración en 2009 como Ano Cabanillas fixolle ver a ela “que meu avó tiña máis importancia da que eu cría”. “Eles soubéronlle dar a estes obxectos que eu gardaba o valor que tiñan”. Dende aí, o seu empeño só foi chegar ao día de onte.


O gorro co que foi bautizado, cartas inéditas, primeiras edicións, dedicatorias, lentes, a súa mesa de traballo. Todo está xa en Exposalnés

O concelleiro de Cultura, Tino Cordal, non dubidou en compartir o triunfo con todos. Lembrou, como a propia Vidal Cabanillas, o traballo de moitos gobernos, deu igual de que cor. Ser edil de Somos non lle impediu agradecer o traballo feito por Luis Aragunde (PP), Víctor Caamaño (BNG), José Ramón Abal (Pode) e á Deputación, onte representada por Noemí Outeda, polo financiamento do proxecto, co Plan Concellos. “Cabanillas únenos a todos” neste “esforzo común”, valorou Cordal. Un “día de intesa emoción e de ledicia para Cambados, para Galicia” que se pechou co Himno Galego e co arranque de dous días de visitas guiadas.


Hoxe, quizais máis que nunca, Cambados, “que encanto ten o pasado que encerras”.

A memoria de Cabanillas, dende onte e para sempre en Cambados

Te puede interesar