Paranoia extraterrestre

o xuntar a palabra paranoia coa de extraterrestre resulta que coa primeira, paranoia, un substantivo feminino, entramos no terreo da psicoloxía e da psiquiatría para abordar a enfermidade mental que se caracteriza por presentar delirios sistemáticos de persecución, grandeza e outros fenómenos similares, con conservación da claridade e orde no pensamento. Aínda máis, no aspecto coloquial, expresa a suspicacia ou desconfianza excesiva ou irracional. A súa vez, extraterrestre, como substantivo, indica ser doutro planeta; e como adxectivo, fala do que provén de fóra da Terra. Velaí o substrato de carácter psicolóxico que aniña na mentalidade inducida entre a poboación norteamericana, especialmente obsesionada co fenómeno ovni, ese tipo de obxecto voante observado a simple vista ou por medio de instrumentos, que non pode ser identificado no momento da súa observación. Cousa que, á par da pegada cultural na poboación deste ámbito xeográfico que pasa por ser a primeira potencia mundial, ten tamén interese calculado e inducido cunha finalidade que vai do proveito militar por acadar máis recursos orzamentarios para potenciar a industria do armamento e o seu lucro industrial, como polo efecto de provocar na poboación a necesidade de sentirse protexida de perigos, certamente inexistentes e ás veces como ameazas fabricadas, e non polos representantes elixidos democraticamente a través das institucións dos gobernos, senón polos militares que así apuntalan o seu acomodo.


Pode entenderse a ficción que facilita o negocio da venda de películas, series televisivas, libros e outros produtos mercantís deses seres chegados do universo, elementos que, pola súa banda, consolidan no imaxinario público os obxectivos militares dos creadores de ovnis; aspecto que conecta co ancestral desexo do ser humano de relacionarse co “máis aló”, aínda que para iso precisen explotar os medos a unha vida alén da morte biolóxica, propias do crer contrario á lóxica e a ciencia. Moito máis sabendo que coa observación astronómica os astrólogos teñen descuberto preto dun milleiro de estrelas diferentes co seu ronsel de planetas e satélites sen achar polo momento civilización algunha diferentes á nosa, por máis que o cálculo de probabilidades matemático, entre a infinidade de elementos que pululan polo cosmos, asegure que debe haber vida nalgún curruncho por aí. A cousa é ver como se presenta no seu aspecto físico e biolóxico.


No ambiente desa paranoia, exclusiva norteamericana dado que o resto do territorio planetario non resultamos obxecto de atracción e visitas de ovnis, sorprende a declaración do considerado presidente máis intelixente dos Estados Unidos, B. Obama, que vén a dicir que “hai gravacións de obxectos no ceo que non sabemos que son exactamente e non teñen un patrón facilmente explicable”. Meus deus, era o que faltaba. Prensa, cámaras parlamentarias e axencias de espionaxe e militares a sumarse ao carro: Versión nova “das armas de destrución masiva”. Ollo.




Paranoia extraterrestre

Te puede interesar