“Papel de Estraza” unha viaxe á historia da Illa ben entendida

Juan Otero e Fernando Salgado co libro, cuxa portada é deseño de Martiño Picallo | gonzalo salgado
|

Foi nun papel de estraza donde un grupo de mozos “oficializaron” e declararon a República Federal da Illa de Arousa. Ocorreu en outubro do 1934 e é precisamente este fito histórico o que dá nome a un libro creado e escrito a catro mans por Fernando Salgado e por Juan Otero “Genito”. Foi este último -histórico socialista na Illa de Arousa- o que recabando documentación sobre a historia do clube local Céltiga caeu na conta de que había moito que contar sobre A Illa e, sobre todo, moito que dar a coñecer. Nunha presentación do último libro de Fernando Salgado falaron do tema e xuntos iniciaron unha andadura entre documentación e páxinas que agora se formaliza nun libro que será presentado este mesmo venres na Illa.

“O libro fala de cuestións moi importantes na historia da Illa como son a chegada da luz, que non foi ata o ano 1930. Antes pois alumeábase con velas e os máis ‘pudientes’ facíano con luz de carburo”, explica Juan Otero. Non é máis que un dos episodios que pode descubrirse neste “Papel de estraza”. Os conflitos da xente do mar ou a escola creada polo Pósito nos anos 20 son outras das efemérides que conforman as páxinas dun libro chamado a converterse en referente. “Hai moita xente da Arousa que non sabe que estas cousas pasaron. No referente á represión franquista e á propia Guerra Civil era algo tabú, algo do que non se falaba”, recoñece Genito.

Fernando Salgado destaca sobre a obra o “peso que as mulleres tiñan na Illa. Tiñan autonomía porque traballaban nas conserveiras ou no mar e sempre contaban cun salario. Participaban nas manifestacións de protesta e, claro, cando chegou a represión, pois pasou o que pasou”. Falan no libro de mulleres como Pepa a Cullereira “que cambiaba as cancións da igrexa cando había procesión para facer burla”. Di Fernando Salgado que “emigrou a Arxentina e regresou, pero nunca claudicou”.

Tanto Salgado como Otero cren que a durísima represión que se viviu na Illa ten explicación histórica e que lendo este libro pode chegarse a moitas delas. Xa o adianta no prólogo o historiador Pepe Álvarez que ve un claro intento de reprimir calquera formación sindicalista ou asociacionismo contrario ao réxime.

A obra é unha lectura obrigada para todos os que busquen coñecer a historia da Illa ou os que queiran entender algúns das claves importantes na vida desta localidade, pegada ao mar e ás súas xentes. 

“Papel de Estraza” unha viaxe á historia da Illa ben entendida