Cinto de lume

Aniversario do inicio, fai catro anos, da vaga de incendios que comezou nas veciñas terras portuguesas e, nese mesmo ano, deixo pegada tráxica no territorio galego cunha especial virulencia no entorno do sur xeográfico, próximo á costa e mesmo ameazando grandes urbes. Memoria gravada a lume na retina das persoas vítimas, dos familiares e veciñanza da xente que perdeu a vida e da cidadanía que contemplou impotente o avance imparábel das chamas. Esquecemento institucional, e tamén social, por intoxicación de noticias que van contribuíndo a unha perigosa desmemoria colectiva ao ir enchendo ese peculiar disco duro que conforma o noso sistema de recordos no que unha nova noticia proxectada, alén da súa importancia e utilidade real, vai provocando o borrado de experiencias e de consideracións que noutrora valoramos como de especial urxencia e necesidade. Velaí o problema dos lumes, un perigo que novamente, co comezo da etapa de forte calor estival, vén a mostrar a súa perigosidade, entre outros lugares, nos incendios que viven dúas paraxes naturais de incomparábel valor ecolóxico e medioambiental, no Caurel e no Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés. Grave aviso para navegantes. Por iso, é do máis atinado e oportuno a posta a disposición do público lector da publicación editada polo Consello da Cultura Galega, coordinada por unha recoñecida autoridade académica en edafoloxía, Francisco Díaz-Fierros, na que precisamente recollen o máis relevante das Actas do Coloquio Galaico-Portugués sobre Incendios Forestais, realizado en xaneiro do ano 2018, poucos meses máis tarde daquela terrorífica vaga incendiaria, baixo un título no que se pregunta se estamos diante dunha “ nova xeración de lumes”. Sintetizan, advertindo que “nos últimos tempos estase a constatar que os incendios forestais afectan cada vez con máis virulencia a edificacións e persoas. Esta interface urbano-forestal, que até hai pouco só illadamente era pasto das lapas, agora vese decote ameazada polos lumes, de tal xeito que a súa protección se converte no obxectivo prioritario das operacións de extinción. Así mesmo, semella que a extensión e a intensidade dos incendios se van incrementando como consecuencia de situacións meteorolóxicas especialmente adversas, que se suman ao amoreamento excesivo de combustibles”. Obviamente o cambio climático está detrás destas novas condicións que fai que nos situemos diante dun troco cualitativo na incidencia e características dos incendios forestais que non fará máis que incrementarse nos próximos anos. Peta na nosa porta un novo modelo de lumes. E cóllenos sen unha eficiente política de prevención que, para máis gravidade aínda, bebe do modelo de masas forestais que santifican ás especies pirofóricas, o eucalipto e o pino. Aínda así, ese cinto de lume que circunda o espazo, entre Os Ancares e a costa, amosa un perigo desigual, segundo se traballe a terra ou sexa obxecto de abandono. Apreme pórlle remedio.

Cinto de lume

Te puede interesar