Memoria indeleble

se ao substantivo memoria sumamos o adxectivo indeleble, estamos a construír unha metáfora da resistencia social ao perigo desa técnica que se utiliza na práctica polos poderes reais interesados en crear desmemoria na opinión pública, ou deturpar o relato verídico do que aconteceu realmente, trasladando ao tempo actual aquel proceder o Imperio Romano que coñecemos por “damnatio memoriae”, e dicir condena da memoria, unha práctica pola que se impoñía borrar toda lembranza, fora física ou de recordo oral, a quen consideraban inimigo, trala súa morte. Contrario a iso, o concepto indeleble é expresión de algo que non se pode borrar, do que se conserva na memoria e non pode ser arrincado da mente. Recordo colectivo que queda de algo ou de alguén.

Velaí o simbolismo que ten o novo panel da Iniciativa Cidadá de Memoria Histórica Democrática inaugurado estes días no muro exterior do Cemiterio xeral de Vilagarcía, o cuarto consecutivo na teimosa labor de crear unha Rota de Memoria para dotar aos lugares da infamia marcados polo homicidio das vítimas locais do franquismo, facendo pedagoxía dun relato da verdade que non pode furtarse ás futuras xeracións para acadar a non repetición dos feitos, ao tempo de contribuír didacticamente ao recoñecemento de xustiza para reparar moralmente ás mulleres e homes que soportaron todo tipo de represalia, en forma de morte ignominiosa, aldraxe ou persecución. Honra para tódalas vítimas do exterminio programado executado polos “Atila en Galiza” as que Castelao, no discurso Alba de Gloria, cualificou como mártires cívicos da liberdade, sinalando “nos moitos cemiterios de Galiza, repousan os derradeiros mártires da liberdade, en número incontable. A miña imaxinación veu unha fogueira en cada cemiterio, como outros tantos clamores de xustiza”.

Laio pola demora, unha vez máis afastada na tramitación, da nova Lei de Memoria Democrática, nacida xa con avultadas insuficiencias a respecto da urxencia no recoñecemento e aplicación práctica dos dereitos dunhas vítimas, especialmente na necesidade biolóxica de facer posíbel entre outras cousas á exhumación das fosas comúns para que as familias podan dar repouso aos cadáveres dos seus parentes. Tempo de recordar a palabra escrita por Xosé Saramago: Hai que recuperar, manter e transmitir a memoria histórica, porque se empeza polo esquecemento e termínase na indiferenza. Aínda así, coa dignidade das vítimas non puideron tombar as balas de Franco nin o silencio programado co que antes, e aínda agora, queren crear desmemoria cívica.

Ficarán para sempre na memoria dun pobo que sabe poñer en valor a lección de compromiso e solidariedade, xunta doutras persoas boas e xenerosas, guieiros dun futuro de xustiza e igualdade. Así, recordaremos tamén, con mágoa, ao Teo Cardalda, insubstituíbel Presidente da República de Vilaxoán, no seu combate polo benestar e progreso para a súa veciñanza; e pola pescuda dos datos de historia local, publicada ou inédita. Compromiso, militancia e memoria viva.


Memoria indeleble

Te puede interesar