Que ninguén quede atrás

Xa queda menos para que poidamos superar esta imposible etapa da nosa vida na que convivimos cunha pandemia mundial. A pesares diso, e como está claramente demostrado, calquer imprudencia se paga e pagamos todos os errores de todos.


A situación sanitaria é preocupante, pero é innegable que a preocupación xeral hoxe polas consecuencias sanitarias son menores que hai uns meses onde contábanse falecidos coma se un avión se estrelase cada día. Aquel drama non é o de hoxe, onde hai que ter todo o coidado pero hai que ser quen de poñer o foco nas consecuencias.


Estamos no tempo de que ninguén quede atrás. Unha crise sanitaria coma esta trae esta crise económica na que estamos. Probablemente unha crise da que nos recuperaremos, e pode ser que máis rápido do que noutras anteriores. Farémolo así porque agora conviven gobernos en España e en Europa que entenderon que ante unha crise hai que investir diñeiro público, e que a austeridade mal comprendida non é máis que abandoar á xente na selva e que se salve quen poida. Non estamos niso. Estamos na aposta por saír todos, e aí deben dirixirse tamén os gobernos que non o comparten, porque é o camiño único para ser máis fortes en colectivo.


Hoxe están sendo sinalados os negocios de hostelería, coas consecuencias que ten en turismo e en consumo. Unha conta moi xeral e en numeros grosos apunta que un terzo do gasto do que gañamos vai en impostos, tasas e aportacións ao público. Outro tercio vai en gasto corrente. O outro terzo debe ir ao consumo. E aquí hai que defender ao sector, porque a peor economía é a que non circula.


Hoxe os contaxios non están nos hosteleiros, como non estaban antes nas tendas ou nos colexios. Por iso ao igual que noutros momentos apostouse por reactivar os negocios pechados, hoxe a nosa comarca debe reivindicar que os gobernos como o da Xunta, que decidiu limitar a hostelería dos nosos concellos (en fin, de todos non, pero sempre hai quen ten teléfonos con conexións divinas), debe aproveitar os máis de 400 millóns de euros que recibiu para afrontar a situación extraordinaria e atopar unha parte, que sería pequena, para reforzar uns negocios que están pechados forzosamente no mes de xullo do ano Xacobeo que lles podía devolver a ilusión. Porque hai que saír da crise sen que ninguén quede atrás.

Que ninguén quede atrás

Te puede interesar