Nuria Pena acada o Premio Ramiro Carregal e unha mención de honra do Pedras de Santiago foi para Paco Casal

Nuria Pena acada o Premio Ramiro Carregal e unha mención de honra do Pedras de Santiago foi para Paco Casal
O xurado, xunto con Mariola Sampedro, deu a coñecer a relación de gañadores | Chechu Río

A biblioteca ilustrada do Museo de Artes do Gravado acolleu onte a reunión do xurado do XII Premio Atlante de Gravado para valorar as 215 obras presentadas por 180 participantes e que procedieron de 19 países. Durante hora e media estiveron deliberando os seus membros -Alfonso Costa, Manuel Ayaso, Carmen Hermo, Isabel Pintado, Juan Monterroso, José Manuel Vázquez e José Daniel Buján-, que recoñeceron e valoraron de xeito moi especial a participación dos artistas nesta nova edición “a pesares de persistir as penas circunstancias que estamos a vivir”, e agregou que é salientable o número de obras presentadas, así como “a diversidade e internacionalización dos participantes”.


A concelleira de Cultura, Mariola Sampedro, foi a encargada de dar lectura á acta do fallo do xurado, que recolle que o Premio Ramiro Carregal Rey, dotado con 5.000 euros, foi a mans da coruñesa Nuria Pena pola súa obra “Devezo”, no que utilizou a impresión dixital pigmentada e técnicas aditivas. Os tres premios Atlante, dotados con 2.500 euros cada un foron para o israelí Rajel Bronfman por unha obra sen título, para o polaco Tomasz Winiarski por “Faces 7” e para a canadense Deborah Chapman por “L’espoir s’élève encore”, e o Premio Galicia-Pedras de Santiago, dotado con 2.000 euros, recaeu no coruñés Manuel Lareo.


O xurado decidiu outorgar todos os premios destacando a calidade dos gañadores, tanto técnica como conceptualmente, “xa que abren novas vías de expresividade a través do gravado”. Nos Premios Atlante, premiou a corrección e calidade técnica, a delicadeza da iluminación “que se converte en protagonista e creadora do espacio da escena”. Atendendo as mesmas valoracións, tamén decidiu conceder catro mencións de honra á arxentina Mirta Gendín e ao italiano Vinicius Libardoni, como finalistas dos Premio Atlante, e ao aguiñense Paco Casal e á compostelana María Meijide como finalistas do Premio Galicia. A entrega dos galardóns está prevista para o 17 de setembro.

Nuria Pena acada o Premio Ramiro Carregal e unha mención de honra do Pedras de Santiago foi para Paco Casal

Te puede interesar