Juan Fajardo | “O goberno de Alberto Varela é un Walt Disney do cemento que non ten ningún sentido”

Juan Fajardo |  “O goberno de Alberto Varela é un Walt Disney do cemento que non ten ningún sentido”
Juan Fajardo será hoxe un dos protagonistas do Pleno, no que toma posesión como concelleiro de VeC | gonzalo salgado

Aínda estaba na década dos vinte cando puxo cara ao cartel de Esquerda Unida. Non saiu elexido, pero aquelo non o botou para atrás e proclamouse azote de Javier Gago. Na seguinte cita, Juan Fajardo convertiuse en edil, posto que abandonou en 2016 para centrarse na política autonómica. Agora regresa ao municipal como voceiro de Vilagarcía en Común.

Volves ao Pleno despois de cinco anos, como foi a decisión?
Volvo pola situación persoal dos meus compañeiros, tanto de Suso López como do resto. Prefería que seguiran eles, pero dixen que si porque é a miña responsabilidade e para iso ía na candidatura. Eu quero agradecer aos meus compañeiros todo o traballo que fixeron.

Non era un escenario co que contase, ¿non?
Pois a verdade é que si. Eu me plantexaba ser concelleiro cando nos presentamos, porque pensaba que podíamos competir por gobernar. Creo que tiñamos unha excelente candidatura, cun bo proxecto, pero que evidentemente non fumos quen de explicar.

Ten medo de que a súa volta se entenda mal?
É unha das primeras cousas que me fixo replantear a volta. Eu volvo porque teño un compromiso militante desde sempre. Tiña medo pero, desde que se anunciou, o retorno na rúa é extraordinario. A xente volve a pararme para contarme os seus problemas, o cal para min é bo

Pode dar a impresión de que non hai relevo na política, nota que a desmobilización é un dos efectos da pandemia?
Incluso de antes. Levamos uns anos no que o compromiso político é máis difícil, e iso nun concello como Vilagarcía, que sempre foi vangarda no activismo social. Creo que un dos maiores problemas que imos ter como sociedade, en toda Europa, é a distancia entre a política e a cidadanía. Iso nos leva a algo que dixeron os clásicos: Se ti non fas política, alguén a fará por ti.


A coalición Unidas Podemos é posible en Vilagarcía, pero non podemos cometer o erro de tomar decisións no último minuto 



Cal será a súa prioridade nesta nova etapa?
O primeiro será fiscalizar o labor do goberno e controlar o que se fai co diñeiro público. A seguinte cuestión é que se atendan as necesidades reais dos veciños. Temos dramas, como o desemprego ou o acceso á vivenda e, precisamente, son o que máis esquece este goberno. Todo para as obras, nada para a xente. O obxectivo é mellorar a calidade de vida dos veciños, con todas as dificultades que significa un goberno absolutista.

Xa pasou vostede por varias etapas, que diferencias ve entre este e outros gobernos locais?
Todavía non cheguei nin sequera a aterrizar, pero creo que esta etapa do PSOE de Vilagarcía é das peores do PSOE de Vilagarcía. Estamos ante un goberno con exceso de soberbia, con apenas diálogo coa oposición e coa veciñanza e que o fía todo a ser o goberno municipal con máis diñeiro a súa disposición da historia. Creo que iso é malo, porque ao final con diñeiro se tapan as carencias da ineficiente xestión. Este goberno é moito peor que o goberno de Dolores García, que nunhas circunstancias moito peores para as arcas municipais foi quen de transformar esta cidade e ninguén llo recoñecerá nunca. Cando me presentei por primeira vez á Alcaldía, con 24 anos, dixen que o goberno de Gago era coma un tupperware. O goberno de Varela é un goberno ao vacío.

E que pensa dos proxectos socialistas, como as piscinas na praia?
O modelo de cidade que plantea Alberto Varela é un “Walt Disney” do cemento, que non ten ningún sentido. As piscinas na praia son unha aberración que espero que deixen nun caixón, aínda que despois terán que explicar por que gastaron ese diñeiro nun proxecto que é unha salvaxada en todos os sentidos. Este goberno é incapaz de sacar adiante calquera dos grandes temas que non sexan obras, a poder ser obras financiadas pola Deputación. Ten todavía sen resolver o contrato do lixo e temos un problema enorme. Os colectores soterrados que existen neste concello non funcionan e son focos de infección absoluta. É unha situación lamentable, que non pode continuar. Neste Pleno vai haber diñeiro para mercar un camión de basura, cando está sen resolver o prego e podería ser a propia concesionaria quen asuma esa compra. Xa non quero preguntar o que pasa co PXOM, que é a historia do nunca xamais. Non vai haber PXOM neste mandato, pero seguimos gastando diñeiro. Podo preguntar tamén que pasa co Plan de Emerxencias Municipal, que é chave e por lei debería estar aprobado. Podemos falar do cuartel da Guardia Civil. Eu non creo que sexa necesario neste concello, pero haberá que explicar por que Interior recibiu unha contraprestación por un cuartel que non vai facer e aquí ninguén di nada. Ou por non falar de que neste concello toma máis decisións Abel Caballero que Alberto Varela. Acabamos de perder conexións con Madrid e nuns meses vai pasar por diante de nós un tren directo a Barcelona que tampouco vai parar. Temos un alcalde a tempo parcial, que cobra a tempo completo pero traballa a tempo parcial. Entre que é un dos alcaldes que menos tempo adica á Alcaldía e que está absolutamente preocupado pola súa carreira no PSdeG, a través do trampolín da Fegamp, pois non fai o que ten que facer, que é xestionar as cousas do día a día.

E con esta visión do PSOE vilagarcián, como ves un goberno de coalición?
Nós sempre estamos históricamente dispostos a entendernos. Eu no seu momento cometín un erro político, que tivo un coste para a nosa formación, que foi non gobernar con Dolores García, aínda que aquel PSOE tampouco quería gobernar con nós. Entendo que hai que ser capaces, desde un goberno cos socialistas, de facer aquelas cousas que non fan os socialistas. Eu non son defensor do Goberno central, creo que comete moitos erros e se pode facer mellor desde a esquerda e que se están obviando cousas fundamentais. Pero alguén se imaxina que tería pasado nesta pandemia se o goberno central fose exclusivamente do PSOE? Eu creo que tería sido un drama. Con todos os erros, con todas as eivas, con todas as dificultades, creo que a presencia no Goberno de militantes de Esquerda Unida e do Partido Comunista significa que, de vez en cando, atende algunha necesidade fundamental.

Xa que fala do Goberno central, alí EU e o PC están na confluencia Unidas Podemos, será posible en Vilagarcía?
Todo é posible. Sempre fun defensor das frontes amplas, o que me costou moito en política pero tamén me deu acertos. Daquí a que sexan as eleccións todavía temos que falar, pero non pecho ninguha posibilidade. O que non podemos facer é cometer erros de tomar decisións no último minuto. Eu creo que os proxectos necesitan un tempo para fraguar e que se entendan pola cidadanía.

E cal é a diferencia entre o Fajardo de hoxe e o de 1997?

A idade axuda a entender moitas cousas. Que ninguén espere ao Fajardo que era capaz de facer cousas raras. Agora son menos histriónico, pero os anos leváronme a entender que as necesidades son as mesmas e que o primeiro son as persoas e despois as ideas. 

Juan Fajardo | “O goberno de Alberto Varela é un Walt Disney do cemento que non ten ningún sentido”

Te puede interesar