O Ameixa Rock retorna con forza a Carril e colga xa o cartel de “aforo completo”

O Ameixa Rock retorna con forza a Carril e colga xa o cartel de “aforo completo”
O Ameixa Rock presentouse onte en Ravella | mónica ferreirós

Despois do parón obrigado pola pandemia do coronavirus do ano pasado o Ameixa Rock -que vai xa pola súa oitava edición- regresa este ano a Carril. Faino con forza e cun formato un pouco máis reducido, pero coas mesmas ganas de sempre. A cita festivaleira está programada para o sábado día 4 con actividade ao longo de toda a xornada.


Ás doce do mediodía arrancará a sesión vermú a cargo de DJ Fangueira. Media hora despois terá lugar a primeira viaxe guiada á isla de Cortegada coa colaboración da empresa Corticata. O prezo para os adultos é de 10 euros, mentres que os nenos de 3 a 10 anos pagan 7. Os menores desa idade poden ir gratis. Hai outra visita á isla carrilexa pola tarde e coas mesmas características a partir das catro e media con saída dende o propio Porto de Carril.


A actividade recupérase pola tarde a iso das seis con pasarrúas a cargo de “Máis Ritmo”, que alegrarán os diferentes puntos do centro urbán e darán vida e alegría despois dun verán atípico e marcado polas diferentes restricións. Ás nove comezarán os concertos. Primeiro para abrir boca volverán a pinchar DJ Fangueira e despois tocará o emblemático grupo carrilexo Ameixas Bravas e o fin de festa correrá a cargo primeiro de Birlibirloque e despois finalizará de novo o DJ.


Todas as actuacións se celebrarán nesta edición na Praza da Liberdade e nun recinto acotado. De feito as 100 entradas que hai dispoñibles para asistir xa están esgotadas. Aínda así, ao ser unha zona na que hai moitas terrazas dos establecementos hosteleiros, poderá escoitarse a música sen ningún problema desde diferentes puntos.


Dende a organización explicaron que, como ocorre en cada edición, o festival se lle dedica a unha persoa de Carril. Este ano decidiron render homenaxe a Fungue, moi activo na organización das primeiras edicións e falecido este mesmo ano.


Na presentación deste evento estiveron onte tanto o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, como a edila de Cultura, Sonia Outón. O rexedor destacou a importancia dun evento que “se fai por amor a Carril e sen ningún ánimo de lucro” e a concelleira definiu o Ameixa Rock como “unha cita obrigada no calendario festivo que, aínda que cun formato máis reducido, chega cargado de actividade”.

O Ameixa Rock retorna con forza a Carril e colga xa o cartel de “aforo completo”

Te puede interesar