Vacinación: éxito colectivo

España superou o 70% da poboación vacinada por completo, e somos o país máis grande do mundo en facelo. Lideramos o proceso máis importante no mundo agora mesmo. Non é unha mala noticia, e convén lembrar que existen ocasións nas que funcionamos ben e somos referentes mundiais facéndoo. Por iso, fronte ao pesimismo estrutural e a tendencia a crer que somos malos cabería lembrar, hoxe, aquelo de que “non estamos tan mal”.

A vacinación é un éxito colectivo de todos. En primeiro lugar da cidadanía, que coma era de esperar acude a vacinarse e amosa que non é preciso ningunha tendencia autoritaria de obrigar a vacinar porque os datos de rexeitamento son moito menores que en calquera outro lugar. Ademáis é un éxito dos profesionais sanitarios, que adicaron e adican esforzos innegociables, e non sempre ben remunerados e recoñecidos, a que esta sociedade poida volver a funcionar a pleno rendemento. Tamén, sen dúbida, a todas as administracións, sen diferencias nin autobombos. A todas, porque aínda que vostedes vexan que hai quen pasa o día queixándose e sinalando culpables, non lle fagan caso. Este país funciona e sabe coordinarse. Si, repasar a hemeroteca recente deixa en evidencia a moitos que non so desconfiaban, senón que parecían alegrarse dicindo que non seríamos quen de chegar a este punto. Quedan retratados por sempre.

Pero, por riba de todo, tamén é un éxito da ciencia. Porque non hai avance sen ciencia e sen coñecemento. Sirva para ensalzar o valor do traballo non tan espectacular, menos televisivo e que precisa dedicación (e moita inversión!). A ciencia, sempre a ciencia.

Hai que seguir, porque tamén precisamos levar a vacina a todos os puntos do planeta. Se non nos vacinamos todos, non vale para ninguén. Pero convén parabenizarse aínda que sexa un chisco. Un virus que aparece hai 18 meses nun lugar de China que non saberíamos situar nun mapa xera unha pandemia mundial e párao todo, e neste tempo o noso país ten un remedio seguro e eficaz que está poñendo a todas as persoas, en cada recuncho, sen que ninguén teña que poñer un só euro. Este tamén é o noso país.

Vacinación: éxito colectivo

Te puede interesar