O reto do BNG

Ana Pontón ven de dicir que o BNG precisa alargar a súa base social para lle dar forza e continuidade ao avance electoral. Esta idea-forza constitúe, sen prexuizo das moi respectábeis consideracións persoais que poidan pairar sobre a súa decisión de abrir un tempo de reflexión, a chave política desta mesma decisión. Para a actual voceira nacional do BNG o proceso congresual que remata o vindeiro 7-N precisa achegar milleiros de persoas que votaron no 2020 BNG á propia organziación. A diferenza desta vez é a aposta porque estes milleiros non só voten, senón que participen activamente e asuman algunha caste de compromiso co proxecto soberanista.

Consolidar como seareiras milleiros de persoas votantes (moitos deles votantes doutras opcións políticas no próximo pasado) esixe dun grande esforzo de comunicación e de xeración interna de espazos de participación, moito máis se atendemos a presenza tan importante no BNG post 2009 de ideas e actitudes esencialistas e resistencialistas. Alargar a base social vai esixir moita máis transversalidade e interclasismo, moito máis diálogo e comunicación coa cidadanía e moita máis política que lle amose a estas ducias de milleiros o seu interese nun proxecto baseado na inescindibilidade do binomio + autogoberno= + benestar.

Estas ducias de milleiros están i) na xente máis nova, que arestora semella apostar no noso País polo BNG, fronte á arrepíante tendencia de moitos dos seus coetáneos noutros países do Estado e da Europa por Vox, Rassemblement Nationale (o antigo FN dos Le Pen) ou Fratelli d’Italia. Unha vantaxe que compre afortalar, ii) neses milleiros de persoas sen historia de compromiso político, mais si de compromiso e coñecemento nos eidos da cultura, deporte, empresa e no traballo social, que partillan a idea dunha Galicia xusta e moderna como referente da súa vida e iii) nos centos que traballaron en tempos no galeguismo político, con experiencias moi valiosas na gobernanza autonómica e no traballo de goberno e oposición de moitos concellos.

O reto son as eleccións nacionais galegas de 2024, mais esa fase final ten unha previa fulcral, as municipais de 2023, onde o BNG habería consolidar os seus gobernos de vilas e cidades, mais tamén avanzar, nomeadamente no ámbito máis urbano, onde ten todo a gañar fronte ao previsíbel recuamento das marés dos Comúns e, quizais, dos gobernos socialistas, de xeito que, probábelmente, este avance electoral do BNG na Galicia urbana produza novos alcaldes e alcaldesas soberanistas que, paradoxalmente, serían os que mantiver os gobernos progresistas en varias cidades galegas fronte á enxurrada da dereita española.

O reto do BNG

Te puede interesar