O reto de transformar a cidade

A Coruña dispón dunha desas oportunidades que na historia das cidades aparecen so en contadas ocasións. A incorporación dos peiraos á malla urbana mudará a configuración da urbe e permitirá, como ten acontecido noutras grandes metrópoles europeas, que os cidadáns gañen un espazo público que chega ata o mar.

Esta oportunidade non chegou soa. Houbo un goberno socialista que soñou hai case 20 cunha urbe mellor. Ningunha transformación de tal calado é sinxela, mais outro goberno socialista, o de Inés Rey, está hoxe a dar os pasos precisos para materializar esa grande oportunidade e para que o soñado entón, sexa no curto prazo unha realidade.

Para deseñar a cidade que queremos estamos a tomar as decisións correctas. Sen tren a Langosteira sería inviable, mais o tren vén de camiño grazas tamén a implicación, tras 17 anos, doutro Goberno socialista, o de Pedro Sánchez, e as xestións do goberno da Coruña.

A nova cidade será a cidade de todos, e ten que ser froito dun acordo amplo, un pacto liderado polas forzas progresistas representadas no Concello e que obedeza a unhas premisas compartidas: a titularidade pública, a calidade urbana, a mellora na mobilidade, a expansión das zonas verdes, o impulso ao tecido produtivo vinculado ao mar.

Inés Rey está a ofrecer solucións viables por primeira vez para a integración dos peiraos, solucións que implican tamén un compromiso económico froito da sensibilidade do seu goberno coa situación da Autoridade Portuaria. Mais o resto das Administracións con competencias no ámbito deberían amosar a mesma sensibilidade e implicación, nomeadamente aquelas que teñen a capacidade financeira para axudar a unha transformación urbana da máxima calidade.

A Xunta estivo aí para axudar no seu día na construción do túnel da Marina, que mudou a mobilidade nesa área. Quero pensar que hoxe, cando se xoga o futuro dun espazo tan sensible como o que ocupan Batería e Calvo Sotelo, a Xunta non renunciará ao seu papel e contribuirá de xeito decidido –non so simbólico- a que os coruñeses, que tamén son galegos, gañen un novo espazo nas mellores condicións.

Ningún goberno fixera tanto como o actual goberno local en tan pouco tempo. Seguimos a avanzar e queremos facelo da man das forzas progresistas, que hoxe supoñen unha ampla maioría. Os cidadáns esperan iso, avances, agardan unha solución que garanta a esperada transformación urbana. A meta a acadar paga moito a pena, e estou seguro de que seremos quen de chegar, unha vez máis, a grandes acordos.

O reto non é menor: mudar unha cidade como A Coruña para facela aínda mellor. Entre todos temos que traballar para non perder esta oportunidade, para que a apertura dos peiraos pase aos libros de historia como un fito que fixo da nosa urbe un lugar aínda máis atractivo do que é.

O reto de transformar a cidade

Te puede interesar