"Falta persoal"

|

Podía ser este título unha merecidísima homenaxe ao Encestarrías e toda a tradición baloncestística desta comarca, pero témome que non toca falar de cousas tan ilusionantes senón de realidades máis ásperas.


Polo miúdo leo ou escoito novas de que falta persoal. Agora falta xente para vendimar, non hai moito faltaban bos camareiros no verán, durante semanas levo escoitando que non hai facilidade para atopar pezas ou compoñentes de recambios en talleres porque as fábricas non dan...vai resultar que canto máis xente hai, menos traballadores aparecen. Ou non?


A verdade é que algunha outra explicación haberá. Probablemente teña que ver con que somos máis lentos reorientando a formación que o rápido que cambia o mercado e as necesidades. Máis da metade dos traballos que haberá dentro de 10 anos hoxe non existen, e moitos nin sequera os entendemos. Seguro que isto ten importancia, si, pero algo máis haberá. Visto o difícil que parece chegar a acordos como subir o salario mínimo 15 euros.


O salario mínimo en España hoxe está nos 950€/ mes mentres que o medio está nos 1700€/mes. Probablemente moita xente que lea isto pensará que ese salario medio non é o habitual, e precisamente aí está a cousa. As diferencias entre os máis altos e máis baixos segue sendo, neste país, moi grandes. Por iso esa media, que é irreal. Somos unha sociedade aínda moi desigual. Por eso o SMI está pouco por riba do 50% do medio, porque aínda asumimos que é normal que algúns gañen moi pouco para que outros gañen moito máis.


Así, cada vez que vexo que falta persoal para traballar sempre penso no tipo de contratos que se ofrecen, canto cambia entre o que se asina e o que realmente se traballa e, tamén, o que algúns empresarios din sobre a subida do salario mínimo. Entón é cando abrazo a todos os que heroicamente teñen negocios e empresas e tratan ben aos seus traballadores, que son moitos, e paro a pensar se falta persoal ou máis ben o que non hai é visión a longo prazo e empatía. Algo diso debe ser tamén.

"Falta persoal"