Tolerancia cero coa delincuencia da ocupación

É certo que España precisa dun gran Plan Estatal de Vivenda Pública. O noso país está moi lonxe das cifras dos países europeos máis avanzados en porcentaxe de vivenda pública con respecto ao parque total de vivenda. Foron gobernos socialistas os que promoveron os primeiros plans estatais, e estou seguro de que o actual Executivo actuará coa necesaria sensibilidade nese campo, pois a ninguén se lle escapa que o acceso á vivenda é hoxe un problema para moitos cidadáns.


Mais compre non confundir problemáticas distintas, e compre non xustificar actuacións delituosas a base de descontextualizar ese feito. As Administracións teñen que ter toda a sensibilidade con aqueles que o están a pasar mal, e teñen que aportar medios para axudalos, tamén a aqueles que polas súas circunstancias vitais non teñen acceso a un teito. Contar cun fogar digno é un dereito constitucional. O que non é un dereito é empregar a forza para desposuír a terceiros dos seus bens, esnaquizar propiedades alleas e empregalas, amparados nunha sensación de impunidade, para poñer en práctica comportamentos delitivos e para amedrentar e perturbar á veciñanza.


Temos que sermos capaces de unir todos os medios das Administracións para combater a práctica da okupación. Nun Estado de dereito non pode haber sitio para a patada na porta. Non pode haber temperanza cos delincuentes que dispoñan do alleo ao seu antollo e que, por riba, atenten contra a normal convivencia dos cidadáns.


A sociedade e as súas institucións teñen que estar do lado de quen o está a pasar mal, mais non debe perverterse esa máxima ante certos comportamentos: quen o está a pasar mal na maioría dos casos coñecidos de ocupacións non son que ocupan as vivendas alleas, senón os propietarios delas e os seus veciños. ¿A quen temos a obriga de protexer? Non pode haber dúbidas niso.


Si existe algunha lagoa legal pola que se podan establecer seres sen escrúpulos nun fogar alleo, esa lagoa ten que ser detectada e corrixida. A ocupación non é un problema xeneralizado en Galicia, mais si é un asunto que debe ser atallado o antes posible para evitar que creza. Non por escaso é menos grave, ben o saben aqueles pacíficos cidadáns aos que, sen parte nin culpa, lles toca convivir cunha situación tóxica de ocupación na veciñanza. Non podemos tolerar que ningún indesexable veña a poñer en xaque a nosa seguridade, o noso dereito ao descanso, o noso dereito á saúde.


Non pode haber sitio para ese tipo de comportamentos. Na Coruña tampouco. O Goberno de Inés Rey está a actuar e actuará con todos os medios legais na súa man, e dentro das súas competencias, para atallar os problemas detectados na cidade, e demanda do resto de Administracións o mesmo grado de implicación. Coa delincuencia da ocupación temos que ter tolerancia cero.

Tolerancia cero coa delincuencia da ocupación

Te puede interesar